A autovía A-74 “probablemente fose unha realidade se estivera gobernando o Partido Popular” que recollía 4M€ nos Presupostos Xerais do Estado do 2018 e unha programación para dirixir 20M€ e 40M€ nas seguintes anualidades.
O senador mariñán José Manuel Balseiro advirte que “o Goberno de Sánchez e o PSOE pretenden facernos crer que fan algo na autovía da Mariña, a A-74, cando seguen sen facer nada”. Así, afirma que “a autovía da Mariña está exactamente igual que a deixou o Goberno do PP presidido por Rajoy no 2018”.
Así o expón ante as respostas do Executivo central ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro e Juan Serrano, ademais do propio José Manuel Balseiro- en relación á A-74. Unha delas para saber porque non comezaran as obras no 2024, tal e como prometera o PSOE durante a campaña electoral das xerais do 2023 nunha visita do secretario xeral do PSdeG, daquela candidato ao Congreso, acompañado por alcaldes e outros cargos socialistas da comarca. E outra para coñecer como se atopa a tramitación de cada tramo.
Balseiro explica que “en ambos casos limítanse a responder que o proxecto dos tramos O Carmen-Foz e Foz-Burela se atopan en redacción”. E sobre o subtramo Barreiros – O Carme informan de que se someteu a información pública no 2025 – xa se sometera no 2018 co Goberno do Partido Popular- e se están analizando as alegacións; polo que aínda está pendente a aprobación do proxecto de trazado e tamén a posterior redacción do proxecto construtivo. Do tramo Burela-San Ciprián (Cervo), nada.
Nese sentido, engade que “se o Partido Popular estivera no Goberno, probablemente poderiamos estar disfrutando desta demandada infraestrutura na comarca” como alternativa á N-642 que soporta unha elevada densidade de tráfico pola que o seu firme sofre as consecuencias.
O senador popular tamén advirte que “o PSOE non foi capaz de executar a partida de 4M€ que deixara orzamentada no 2018 o Goberno do Partido Popular”. Pero, “tampouco executou as cantidades programadas no Presuposto Xeral do Estado do 2018 para dirixir á autovía A-74 nas seguintes anualidades: 20M€ no ano 2019 e outros 40M€ no 2020”.
Balseiro conclúe que “o que lle debemos os mariñáns ao Goberno do señor Pedro Sánchez é 0” porque, “despois de 8 anos de Goberno socialista, 0 euros investidos, 0 metros construídos e 0 adxudicacións de obras nesta autovía”.