A recollida selectiva de envases de vidro en Galicia superou as 49.700 toneladas en 2023

por Redacción Galicia

Cada galego de depositou, de media, 18,5 kg de envases de vidro no contedor verde, o equivalente a 63 envases por persoa

A recollida selectiva de envases de vidro en Galicia supera as 49.700 toneladas en 2023, segundo o balance anual de Ecovidrio, que é a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe deste tipo de envases en España.

Segundo estes datos, cada galego de depositou, de media, 18,5 kg de envases de vidro no contedor verde, o equivalente a 63 envases por persoa. Estas cifras sitúanse no entorno da media nacional -19,2 kg por habitante e uns 66 envases por persoa-.

Por provincias, A Coruña liderou a aportación cidadá á recollida selectiva de vidro, con 18,3 kg/hab; seguida de Pontevedra (17,6 kg/hab), Lugo (16,1 kg/hab) e Ourense (15,5 kg/hab).

Cómpre salientar o caso do concello de Santiago de Compostela, que coa recollida de 28,2 quilogramos por habitante, se sitúa entre as tres capitais máis recicladoras de España, só por detrás de San Sebastián (38,3 kg/hab) e Pamplona (31 kg/hab).

Esta recollida selectiva é posible grazas á rede de contedores verdes que a cidadanía ten á súa disposición en Galicia. Na actualidade hai 18.302 iglús verdes repartidos por toda a Comunidade -1 por cada 147 habitantes-.

Ademais do vidro depositado nos iglús verdes pola cidadanía, recuperáronse, de forma complementaria, nas plantas de tratamento de residuos urbanos da Comunidade, 17.531 toneladas de refugallos de envases deste material que non foron correctamente separados en orixe. Nese senso, cómpre subliñar que este dato é un 30% superior ás cifras do ano 2022, o que pon de manifesto o esforzo levado a cabo para reintegrar eses residuos no ciclo produtivo e evitar que rematen no vertedoiro.

A reciclaxe de envases de vidro é un elemento clave na loita contra o cambio climático e a descarbonización da nosa economía. Así, durante 2023, grazas á reciclaxe destes residuos en Galicia, aforráronse 48.051 Mwh de enerxía e evitouse a emisión de 39.021 toneladas de CO2 así como a extracción de máis de 80.735 toneladas de materias primas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario