Martina Gómez denunciou por mala xestión a Casa da Muller de Lugo, e desestimada a denuncia polo xuíz, recorrerá ao TSXG a sentenza

por Redacción Lugo

Martina Gómez, relata o que aconteceu, e para mañá convocou unha rolda de prensa onde dará tódolos detalles. «É unha realidade que o Concello de Lugo non asumirá responsabilidades con esta sentenza, razón pola que vou recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pois hai moitos motivos para facelo».

A Casa da Muller, concebida para «proporcionar atención social, psicolóxica, xurídica e para a acollida das vítimas de Violencia de Xénero», cometeu un erro de xestión no 2016 ao non atender adecuadamente a unha muller que implorou axuda a dito organismo e acabou sendo asasinada ás mans da súa parella.

Por isto mesmo, pregúntome oito anos máis tarde que supón gañar este xuízo para o Concello de Lugo. ¿Significa que non asumen responsabilidades en canto ás deficiencias anteriores? ¿Que non se van subsanar as deficiencias existentes, como a praza de psicóloga sen cubrir dende hai dous anos?

Neste xuízo evidenciáronse moitas    contradicións. O Director de A Casa da Muller declarou baixo xuramento que non falta persoal. Se ben é verdade que é o propio Director quen cubre dende hai 2 anos dita praza de psicólogo a tempo  parcial. É intolerable que este posto estea vacante durante anos, pois é imprescindible para a recuperación das vítimas, polo que é fundamental, que funcione a tempo completo. Manter este posto vacante mostra o desinterese e a desidia do Concello.

Anteriormente, no xuízo da Audiencia en 2019, a propia traballadora de A Casa da Muller declara que había pouco persoal por vacacións e baixas. Sen embargo, o 11 de xaneiro de 2024 afirmouse que estaba o persoal completo. ¿ Cal é a verdade?.

Segundo a lei, o persoal debe estar preparado para abordar temas e xestionar riscos perante casos de Violencia de Xénero. Cando unha muller se atreve a solicitar axuda declarando que a súa parella a encañonou cunha escopeta, ademáis de varias situacións violentas, ¿quen non detecta que ésta é unha situación urxente?

O persoal de A Casa da Muller non viu esa urxencia. Non axudou nin ofrecer opciones. Desde logo, informar á miña irmá Ana de que acudise á traballadora social de Becerreá, que non ten formación especializada en Violencia de Xénero, non se pode considerar unha xestión urxente, pasando de largo o estudar o caso e considerando suficiente dicirlle que ela mesma se protexese (declarado na Audiencia pola traballadora social de A

Casa da Muller), sen analizar en ningún momento o relato da traballadora social de ALAR, que comunicou a gravidade do caso, insistindo en que Ana fora encañonada e ameazada de morte e relatando tamén diversos episodios violentos. ¿Esa é a preparación que se espera dos profesionais ao fronte da institución de A Casa da Muller?

Declaración da traballadora social de A Casa de Muller no xuízo da Audiencia: «…si, si, ademais a cita coincidía despois de Entroido, estabamos o persoal medio de baixa, eso era o problema, porque normalmente ao mellor esta cita a collera a avogada, pero estabamos en vacacións porque era o entroido naquela época en febreiro e non había persoal, entón recibina eu na medida que tiven a axenda, quero dicir que os servizos teñen os profesionais que teñen, e nós estabamos tres profesionais en intervención, non estabamos máis»…

O Concello de Lugo, na súa defensa, empéñase en negar a visita de Ana a A Casa da Muller o día 5 de febreiro de 2016, porque din que non quedou rexistro diso. A súa cita era para o día 11.

O fillo maior da vítima, de 17 anos, ás poucas horas do asasinato, testifica ante a Policía Xudicial que acompañou á súa nai o día 5 de febreiro a Casa da Muller; el esperou fóra, e en canto ela saíu, relatoulle ao seu fillo por primeira vez, que a súa parella lle encañonara e as ameazas de morte que estaba a sufrir, Ana literalmente díxolle: “…dixéronme que tiña que abandonar a vivenda pouco a pouco, sen que el se decate. Aquí non me van axudar”….

É de xustiza afirmar que a  Policía Xudicial fixo un traballo excelente, e que esta declaración foi tomada antes de que eu puidese falar cos meus sobriños. Esta declaración, do fillo de Ana, non se tivo en conta no xuízo do 11 de xaneiro de 2024. Un fillo de 17 anos nunca esquece a primeira vez que a súa nai lle relata estes feitos, ten toda credibilidade.

Están recollidas no artigo 19 da Lei Orgánica do 2004 todas as medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O Decreto 182/2004, estipula o carácter do servizo sendo obrigación do Concello de Lugo o determinar vacacións e cubrir baixas do seu persoal. Ao non facelo incumpre a lei e provoca o mal funcionamento deste servizo, poñendo de continuo en dobre risco ás vítimas. Lémbraselle ao Concello de Lugo, que ten obrigación polo artigo 15.3 de dar parte á Secretaría Xeral de Igualdade de baixas e vacacións coas súas debidas substitucións. O artigo 16.3 destaca a xestión urxente dos servizos policiais, sanitarios, xudiciais e sociais que foran oportunos.

Recollo literalmente do Decreto dos CIM:

1- “Os diferentes servizos que prestan os CIM (A Casa da Muller), serán dispensados a calquera persoa usuaria que, individual ou colectivamente o solicite, sen poder esixir que teñan a condición de persoa empadroada ou

residente no concello ou ámbito territorial, correspondente en caso de que proceda dun concello no que non existe este servizo”. A miña irmá Ana non lle prestaron estas coberturas nin lle deron a importancia que por desgraza tivo,

sen cumprir as súas funcións legais recollidas na Lei Galega; sen informarlle do dereito á asistencia dunha letrada especializada, recoñecido no artigo 29 de dita lei.

E NON, NON TEÑEN OBRIGACIÓN AS MULLERES DE INTERPONER DENUNCIA PARA

PEDIR AXUDA: hai un procedemento legal e urxente para o que non é necesaria unha denuncia da vítima, permitíndose proceder cun simple informe do CIM. Este informe serve como acreditación da situación de Violencia de Xénero, grazas ao artigo 5.C da Lei 11/2007 do 27 de xullo. Existe a prestación periódica (artigo 139) pensada precisamente para situacións de risco.

Levo denunciando desde o 2017, a NON ADHERENCIA da Policía Local ao Sistema VioGen para a nosa cidade de Lugo. As fontes oficiais do Concello aseguraron o seu bo funcionamento, pero á vista está que éste pasado 22 de novembro de 2023, a Alcaldesa recoñeceu nunhas declaracións para El Progreso, cito textualmente, “…que a adhesión ao Sistema VioGen, xa fora solicitada, pero que estaba pendente de que se remitise o borrador do convenio…”. Insistiu que a súa vontade sempre foi de que a de Lugo sempre estivese dentro dese plan”. Así pois, queda demostrado que as miñas denuncias eran reais. As fontes oficiais mentiron unha vez máis sobre que xa estaban adheridas a dito sistema.

A dura realidade coa que se atopa unha vítima é a desprotección por parte das institucións. Desde o 2016 ata a data seguen sen cumprir a Lei Galega de VG, nin o Decreto dos CIM. ESIXIMOS QUE CUMPRAN DE UNHA VEZ POR TODAS COA LEI.

Esta sentenza evidencia o desamparo, a non reparación e a perda de dereitos das vítimas de Violencia de Xénero. Esta resolución supón unha lousa máis para acceder a unha atención real e eficaz, unha evidencia de que a cobertura institucional se falla, É CÓMPLICE. Hai que recordarlle ao Concello de Lugo que non é quen de incumprir coas leis.

Seguimos esixindo que se subsanen as graves deficiencias que se seguen producindo oito anos despois. En resumo, o Contencioso Administrativo exime ao Concello de Lugo de responsabilidades.

Se non se ven nin recoñecen os fallos e deficiencias ante algo tan grave e evidente, nunca se contribuirá a aportar solucións e xustiza.

Seguiremos denunciando os incumprimentos da Lei Galega de Violencia de Xénero, xa que entendemos esta sentenza como un retroceso nos dereitos das vítimas.

É por todo iso, polo que non cabe outra alternativa que a de interpoñer recurso no Tribunal Superior de Xustiza.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario