O PP propón iniciar o proceso de creación dun convenio colectivo propio para os traballadores dos sector da limpeza nas administracións municipais e provincial de Lugo

A proposta do Partido Popular chega logo de que o sector, tras 130 días de folga, acadase un acordo do convenio provincial coa patronal “unha vez dado este paso cremos que é de xustiza que o Concello e a Deputación, cos mecanismos ao seu alcance, den exemplo e fagan un convenio propio para as súas traballadoras ao igual que outras administracións”

Os Grupos Municipal e o Provincial do Partido Popular presentarán senllas iniciativas nos plenos de Concello e Deputación para instar a estas administración a iniciar unha negociación cos representantes sindicais do sector da limpeza e impulsar un acordo  “que contemple melloras sociais e salariais para un colectivo que desempeña un papel fundamental no mantemento e a hixiene das instalacións públicas”.

Durante a folga do sector da limpeza os populares mantiveron xuntanzas cos representantes dos diferentes sindicatos para solidarizarse co persoal e máis prestarlles o seu apoio e  lles trasladaron a intención de presentar esta iniciativa comprometéndose a facela pública unha vez acadasen o acordo do convenio provincial.

Os populares entenden que cun convenio específico propio para as persoas que fan limpeza nos edificios públicos do Concello “se abordarían as necesidades e demandas particulares deste persoal” puntualizando que “esta fórmula funciona noutras administracións como no servizo de limpeza da Xunta, nas dependencias do SERGAS ou na Universidade”.

No caso do concello de Lugo incorpórase outro punto de acordo á proposición que é demandar ao goberno local a que se comprometa a finalizar o proceso de contratación vixente do servizo de limpeza de centros, dependencias e CEIPS do Concello de Lugo cunhas condiciones favorables para as traballadoras e os traballadores.

Neste momento a empresa que presta o servizo de limpeza de centros, dependencias e CEIPS do Concello de Lugo ten o contrato caducado dende fai anos, e o novo contrato está en fase de valoración de ofertas económicas.

Na exposición de motivos desta iniciativa recórdase o papel fundamental que representaron as persoas que se encargaron da limpeza durante a crise sanitaria do Covid-19 subliñando que  “lonxe de ser recoñecido, tratase dun sector moi precarizado no que o 95% das súas traballadoras son mulleres, un 80% cunha xornada a tempo parcial e cuns salarios ínfimos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios