O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presidiu onte a tarde a apertura da mostra ‘Fuxan os ventos. 50 anos de historia’, que conmemora o medio século de historia desta formación musical na Sala de Exposicións Salvador de Madariaga. A mostra é de acceso libre á cidadanía ata o 2 de xuño, en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.
Gonzalo Castro estivo acompañado por Sabela Fraga, comisaria da mostra e Carmen Vázquez, Antón Castro e Tereixa Novo, membros de Fuxan os Ventos. «O Goberno de Inés Rey aposta por manter viva a tradición musical galega e dar a coñecer os seus principais referentes a través de iniciativas como esta», indicou Castro.
Fotografías, carteis, instrumentos, poemas, partituras e audios inéditos son algunhas das pezas a través das cales o público poderá mergullarse na cronoloxía e no universo creativo de Fuxan os Ventos, nunha mostra que, ademais, conta coas achegas de múltiples persoas e entidades culturais do país. O proxecto expositivo idéase por un grupo de persoas entre os que se atopan varios membros de ‘Fuxan os Ventos’, a comisaria, a directora de arte Melania Freire e a coordinadora do proxecto Noa Díaz.