Expertos xuristas de ambos lados do Atlántico debaten no pazo bergondés sobre constitucionalidade, legalidade e administración pública
Expertos en Dereito administrativo de máis de vinte universidades de España, Portugal, Arxentina, Brasil, Uruguay, Ecuador, Colombia, Perú, México, Chile e Venezuela participan durante esta semana no Pazo de Mariñán (Bergondo) na decimoquinta edición das Xornadas Profesor Meilán Gil de Dereito Administrativo Iberoamericano.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e director das xornadas, Jaime Rodríguez-Arana, inauguraron esta mañá este importante congreso internacional, que reúne a algúns dos principais expertos académicos en Dereito Administrativo dos países de Iberoamérica e que nesta edición se celebra baixo o título «Convencionalidad, constitucionalidad, legalidad y administración pública».
Formoso destacou destacou a longa traxectoria de colaboración entre a institución provincial e a UDC para «converter, un ano máis, á provincia da Coruña na capital do Dereito Administrativo do mundo hispano». «Desde hai quince anos, a Deputación e a UDC colaboran na organización deste encontro internacional que permite compartir experiencias, coñecementos e boas prácticas en Dereito Administrativo de ambos lados do Atlántico», afirmou o presidente provincial, que incidiu nos «estreitos lazos que nos unen desde hai séculos, tamén no mundo do Dereito» e na importancia que a emigración galega nos países de Latinoamérica tivo no desenvolvemento de Galicia, con iniciativas como a construcción de escolas que permitiron o acceso á educación a moitas xeracións de galegos.
Tanto Formoso como Rodríguez-Arana tiveron unha lembranza para José Luís Meilán Gil, impulsor destas xornadas hai xa máis de tres lustros, que agora levan o seu nome como homenaxe.
Ata o vindeiro venres, os e as participantes no congreso abordarán cuestións relacionadas coa Rede Iberoamericana de Contratación Pública, os tratados internacionais de dereitos humanos, o marco constitucional do dereito administrativo, a tutela xudicial efectiva, o dereito ambiental ou dereito administrativo social.