O PP de Lugo agradece aos 400 interventores e apoderados o traballo realizado para conseguir o 50,23% dos votos nas autonómicas

Esta tarde, nun encontro que se celebrou no Pazo de Feiras con colaboradores do Partido Popular

O Presidente do PP local de Lugo deu a benvida aos colaboradores do Partido Popular eloxiando “ao mellor equipo posible” salientando que “Lugo ten unha maquinaria imparable que demostra, unha e outra vez, a súa capacidade para gañar eleccións”. 

Ramón Carballo afirmou que o mérito do éxito de todas as eleccións, e especial das autonómicas, foi precisamente do traballo dos colaboradores destacando “a súa lealdade e traballo así como a mobilización que foi clave nestes últimos comicios”.

Pola súa banda, Elena Candia deulle as grazas as preto de 400 persoas do concello de Lugo que “nos arrouparon e traballaron como interventores e apoderados nas tres eleccións que se celebraron nos últimos nove meses”.
“Estoulles moi agradecida polo seu compromiso, o seu esforzo e a súa xenerosidade” matizando que “en Lugo temos un equipo cuantitativamente moi numeroso, e cualitativamente marabilloso”.

Tanto o Presidente local coma a voceira do Grupo Municipal de Lugo destacaron a “incrible resposta” que tivo a campaña de afiliación que se puxo en marcha e na que “en quince días se deron de alta preto dun cento de lucenses”. 

Os populares coincidiron en subliñar que “este respaldo anímanos a seguir traballando”. Elena Candia matizaba que “estamos nunha carreira de fondo que precisa dun traballo en equipo, necesitámosvos a todos”.

PAULA PRADO: “UN DE CADA DOUS LUCENSES VOTOU A RUEDA”

Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quixo agradecer na súa intervención a todo o partido en Lugo o seu papel na vitoria acadada por Alfonso Rueda o pasado 18 de febreiro: “Para que esta rueda seguira funcionando, era preciso que todos puxerades o voso gran de area e así o fixestes”.

Puxo así en valor os bos resultados acadados polo partido na cidade, onde “un de cada dous lucenses elixiron a Alfonso Rueda como presidente” e Lugo volveuse converter na urbe galega onde o PPdeG acadou maior porcentaxe de apoio. “Os lucenses elixiron un Goberno unido, que non lles minte e que cumpre o que compromete”, concluíu.

Un éxito que, na súa opinión, non sería posible sen a militancia do PP de Lugo e por iso pediulles a todos eles que “sigan adiante, coa mesma paixón de sempre e construíndo un futuro brillante e prometedor para Lugo e para Galicia”.

Paula Prado tamén tivo palabras de parabéns para Cristina Sanz polo seu nomeamento como viceportavoz do Grupo Popular no Parlamento e para a presidenta provincial do partido, Elena Candia: “Con mulleres coma vós representando aos lucenses, non haberá reto que non logremos conseguir”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios