A importancia do Polo de Coristanco para xerar emprendemento e fixar poboación no rural

por Redacción A Coruña

O Polo de Coristanco atendeu desde a súa posta en marcha 166 iniciativas empresariais, das que preto dun 20 % son de remuda

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, desenvolveu unha visita ao Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Coristanco que forma parte da Rede coa que a Xunta está a prestar asesoramento individualizado e gratuíto aos proxectos empresariais en calquera fase en que se atopen.

Rivo, ademais do polo, visitou un centro educativo que xestiona a Fundación EFA Fonteboa Coristanco, a entidade sen ánimo de lucro que tamén se encarga da xestión do polo e que ten como obxectivo principal dinamizar o rural a través da educación.

A conselleira no encontro sinalou a importante aposta da Xunta polo emprendemento a través dos polos que xa contan con 13 oficinas. O de Coristanco leva realizadas 860 titorías e asesorado 166 proxectos desde a súa posta en marcha, dos que un 56% están impulsados por mulleres. En canto ás idades das persoas emprendedoras, o 58 % atópase nunha franxa de entre 35 e 52 anos. Por sectores, os proxectos pertencen aos servizos nun 18%, seguido da agricultura, gandería, silvicultura e pesca (17 %) e hostalería (15 %).

Rivo tamén salientou o obxectivo principal da Rede de polos que é o de xerar riqueza, dinamizar a economía e fixar poboación especialmente no rural. Entre as novas funcionalidades, a Rede está a dar apoio a través dun Plan de remuda xeracional para garantir o mantemento dos negocios, poñendo en contacto persoas interesadas en vender ou alugar as súas empresas con outras dispostas a facerse cargo. No Polo de Coristanco un 17% dos proxectos que recibiron asesoramento son de remuda.

Á web activa da Xunta poden acceder as persoas que precisen traspasar a súa empresa e as que desexen coller as rendas dun negocio en traspaso. O obxectivo, en palabras de Rivo, é facilitar a continuidade de empresas en Galicia e, polo tanto, o progreso e futuro da Comunidade galega.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario