O impacto da velutina na produción de uva analízase por primeira vez nun artigo internacional realizado por investigadoras da UDC

por Redacción A Coruña

A prestixiosa revista Agriculture, Ecosystems & Environment acaba de publicar un artigo científico sobre o traballo realizado por investigadoras da UDC sobre o impacto da avespa asiática nos viñedos de Betanzos

O traballo, realizado pola investigadora Yaiza Rodríguez Lueje baixo a dirección das doutoras María Amalia Jácome e María José Servia, abordou por vez primeira a cuantificación real dos danos causados por esta especie invasora en viñedos, así como ensaios de viabilidade do uso de mallas para protexer as uvas. Os traballos foron levados a cabo nun viñedo xestionado pola adega Pagos de Brigante, e contou co apoio de todos os produtores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Os resultados destacan o bo rendemento das mallas, que tamén protexen fronte aos danos causados por paxaros, mais alerta das posibles alteracións na maduración das uvas e da afección por fungos nunha das variedades estudadas. Ademais, aínda que este sistema se revela como unha boa alternativa de protección, o traballo salienta as dificultades ás que se enfrontan os pequenos viticultores de zonas de producións históricas como a de Betanzos, que van desde a incerteza no retorno económico da inversión ou o aumento nas dificultades de manipulación das vides. Por isto, no artigo advírtese que esta especie invasora podería levar ao abandono da produción a pequenos viticultores, que non contan aínda con sistemas eficaces para protexer as súas colleitas.

Enlace ao artigo

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario