O centro de saúde da Puebla de San Julián (Láncara) manterá as tres prazas de médicos 

por Redacción Lugo

Os concelleiros do PP de Láncara confirmaron co conselleiro e co xerente da área sanitaria de Lugo o que xa se lle trasladara ao propio alcalde: «que non vai pechar o centro de saúde nin se van suprimir prazas de médicos»

“O centro de saúde da Puebla de San Julián manterá as tres prazas de médico”, explica a voceira do PP de Láncara, Olga Capón, tras manter unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, acompañada polo concelleiro Miguel Losada. Os populares quixeron confirmar persoalmente co conselleiro e co xerente do Sergas na provincia que “nin se vai pechar o centro de saúde do noso municipio nin nunca se pensou en suprimir ningunha das tres prazas de médico”.

Os populares lembran que “a falta de médicos afecta a todo o Estado porque o Goberno non autoriza formar máis médicos de familia”. Aínda así, “o Sergas está a esforzarse por cubrir as vacantes con médicos substitutos dispoñibles”. E, no caso de Láncara, “estase a cubrir a praza do médico xubilado de forma regular coa mesma facultativa. E tamén acode un substituto para cubrir vacacións”.

Tralo correspondente procedemento administrativo, cubriranse todas as prazas médicas de forma definitiva. “Mentres tanto, o Sergas traballa para solventar o antes posible calquera inconveniente que poida xurdir”, indican.

Os concelleiros do PP queren trasladar aos veciños e veciñas “unha mensaxe tranquilizadora” ante “o medo e o engano que traslada o alcalde sobre o futuro da atención sanitaria no noso concello de forma totalmente irresponsable”; xa que “o que está a conseguir é que os veciños pidan traslado a outro centro por medo de non ter médico”.

Os populares lembran, a este respecto, que “o propio xerente da área sanitaria de Lugo lle trasladou ao alcalde nunha reunión que mantiveron fai uns días” que “a situación da sanidade en Láncara non é motivo de alarma; xa que nin se pecha o centro de saúde nin se suprimen prazas”.

Os populares cren que “esta forma de actuar do alcalde só pode entenderse como unha estratexia para dicir despois que se conserva o centro de saúde e as prazas de médicos grazas a el” cando “o verdadeiro esforzo o está a facer o Sergas e xa existe o compromiso coa sanidade en Láncara”.
Os populares pídenlle ao alcalde, “como veciños e como representantes dos lancareses, que “se esforce en traballar para asentar poboación e se centre en asuntos que son competencia directa do Concello” porque “hai moito a que atender”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario