A Real Academia Galega modificou no seu dicionario en liña, nas vésperas do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo -que se celebra mañá, 2 de abril-, a definición deste trastorno do desenvolvemento neurolóxico. A nova redacción acordada polo Seminario de Lexicografía adáptase aos cambios producidos na súa descrición científica e mais na súa percepción social.
«Conscientes do papel que a institución desempeña na sociedade, a RAG quere promover os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade, o que nos leva a un proceso constante de revisión e modernización do dicionario», sinala a académica de número María Dolores Sánchez Palomino, coordinadora en funcións do Seminario de Lexicografía, na resposta remitida á Federación de Autismo Galicia, que solicitou a actualización da definición da entrada de autismo e facilitou documentación sobre a revisión científica dos criterios diagnósticos do autismo, que deixaron atrás a súa consideración como unha enfermidade.
«O autismo non cumpre con este criterio, xa que non implica un mal funcionamento dos sistemas corporais, senón diferenzas no procesamento neurolóxico. O cambio na súa conceptualización reflicte unha comprensión máis moderna e respectuosa da diversidade neurobiolóxica e destaca a importancia de aceptar e apoiar as persoas no espectro autista en función da súas necesidades e fortalezas individuais», salienta na carta remitida á RAG a federación, que representa máis de dez mil persoas, entre as que presentan autismo e as súas familias.
A nova redacción define así o autismo como un «trastorno do desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados». No apartado de observación engádese que normalmente se emprega a expresión trastorno do espectro autista ou trastorno do espectro do autismo (TEA) para designar un conxunto amplo de condicións que teñen unha prevaleza de 1 caso cada 100 nacementos. De acordo cos cambios na entrada de autismo, tamén foi actualizada a voz autista.
O Seminario de Lexicografía agradece a colaboración da Federación Autismo Galicia na mellora do Dicionario da Real Academia Galega, unha «obra colaborativa» na que deben participar todos os sectores, destaca o seu director, o académico de número Manuel González. «Estamos convencidos de que só o diálogo constante entre a sociedade e a Academia permitirá contar cunha obra que cubra as nosas necesidades», conclúe.