O PP de Lugo denuncia o «parcheo» de Sánchez na N-120: «Baches en lugar dunha rehabilitación integral»

“O Goberno de Sánchez recoñece por escrito que non vai acometer unha rehabilitación integral do firme da N-120, senón que o único que ten previsto facer é tapar baches. É dicir, outra chapuza como ten feito nos últimos anos”, segundo manifestan os senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano.

O Executivo asegura, en resposta oficial ás preguntas formuladas polos populares no Senado, que: “na N-120 na provincia de Lugo están en execución obras urxentes para a rehabilitación do firme nas zonas deterioradas”.

Os senadores do PP consideran “unha burla aos lucenses e, especialmente, aos veciños e veciñas da zona sur que as actuacións previstas se limiten a actuar unicamente nas zonas deterioradas” toda vez que consideran que “o acusado estado de deterioro do firme desta estrada de competencia nacional supón un serio perigo para os seus usuarios e non se soluciona con parches”.

De feito, os populares xa teñen denunciado a “falta de mantemento” desta vía que é a principal comunicación para os concellos do sur da provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra, coa zona de Ourense advertindo que “os parches realizados nos últimos anos non foron suficientes”. Polo tanto, cren que “sen acometer a rehabilitación integral do firme, o seu estado para o ano que vén será igual ou peor”.

Así, inciden en que “a N-120 require solucións estruturais e permanentes”, ademais dunha “actuación urxente, como teñen demandado veciños e colectivos”.

SEN DATA

Os senadores por Lugo no Grupo Popular preguntaban, ademais do tipo de traballos a realizar, polo cronograma temporal, con datas de inicio e fin; “sen que o Goberno de Sánchez sexa capaz de dar unha data para o remate das actuacións na N-120”.

Os populares insisten, unha vez máis, en condenar “a discriminación de Sánchez á provincia de Lugo” e en proclamar que “non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco menos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios