Adolescentes de Camariñas e Noia achéganse á realidade colombiana da man de dúas activistas que visitan a nosa terra estes días

por Redacción Galicia

Os máis de catrocentos estudantes de secundaria que este ano forman parte do proxecto educativos Activistas polo O Mundo Que Queremos recibirán durante os próximos días a visita de dúas activistas colombianas que loitan por mellorar as condicións de vida das poboacións afectadas polo conflito armado que entre 1985 e 2018 provocou a morte de máis de 450.000 persoas no seu país.

Este martes 9 de abril pola mañá as activistas achegaránse ao IES Pedra da Aguia na Ponte do Porto en Camariñas e o xoves 11 será a quenda do alumnado do IES Campo de San Alberto de Noia. O obxectivo deste encontro entre as activistas e o alumnado é que as mozas e os mozos coñezan a loita e o traballo destas mulleres de primeira man, se inspiren na súa forma de intervir na súa realidade a través do activismo, e tamén  reflexionen sobre as desigualdades norte-sur

As activistas que durante estas semanas percorren  a xeografía galega son Yorya Gaviria e Sara Graciano, da Fundación Forjando futuros, que traballa en Colombia dende fai máis de vinte anos na restitución das terras desposuídas ou abandonadas con motivo do conflito armado e na defensa e promoción dos dereitos humanos e o fortalecemento de comunidades vulnerables.

Sara Graciano é psicóloga, e ten experiencia traballando en Laboratorios Xuvenís e, en xeral, con xuventude colombiana de entornos vulnerables en cuestións como a participación democrática, os dereitos humanos e a paz, a memoria histórica, a saúde mental e a apropiación do territorio.

Yorya Gaviria pola súa parte, ten experiencia e formación en ciberactivismo, teatro, performance e antirracismo. O seu traballo e activismo céntranse na sensibilización ao redor das violencias de xénero e a defensa dos dereitos humanos para a poboación LGBTIQA+

O martes 9 de abril ás 19h as activistas participarán nun encontro aberto para compartir como é o seu día a día na loita polos dereitos humanos en Colombia. Terá lugar na Casa Taberneiro (San Pedro 15, Santiago de Compostela).

As ONGD galegas traballan man a man con organización colombianas para poder contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento para equilibrar os niveis de desigualdade estrutural que se dan neste momento.

Esta é a sesión final dunha metodoloxía pedagóxica que o alumnado desenvolve dende comezos de curso. Un itinerario co que puideron coñecer o que significa ser unha persoa activista,  reflexionaron sobre o papel dos medios de comunicación e as redes sociais e utilizaron a radio para o seu activismo creando os seus propios podcast radiofónicos.

Activistas polo mundo que queremos, que xa chegou nos seus 11 anos de historia a máis de 4800 mozos e mozas, é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao  financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Parte importante deste traballo é a propia difusión, así que dende Activistas polo Mundo que Queremos convidamos aos medios de comunicación a que compartan esta información. Se queredes acudir ás sesións presenciais onde se realizarán as charlas por favor, comunicádevos previamente con nós, para que avisemos aos  centros educativos

AXENDA DA VISITA DAS ACTIVISTAS

Martes, 9 de abril

·         Pola mañá: Charla no IES Pedra da Aguia (Ponte do Porto, Camariñas) de 12:45 a 14:25

·         Pola tarde:  Encontro aberto na Casa Taberneiro (San Pedro 15, Santiago) ás 19h

Xoves, 11 de abril:  Charla no IES Campo de San Alberto (Noia) de 12:45-14:25h

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario