Os socialistas consideran necesario o compromiso do goberno local coa parroquia arteixá para a construción dunha zona deportiva cun campo de fútbol e outros espazos deportivos
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de abril para instar ao goberno local a desenvolver un plan especial de infraestruturas deportivas e construír unha zona deportiva cun campo de fútbol e outros espazos deportivos.nas actuais parcelas dos campos de fútbol de Oseiro que permutará cunha empresa de loxística que realiza a súa actividade no municipio.
Os socialistas arteixáns explican que o concello ven de anunciar a permuta das parcelas no Polígono de Sabón que foron durante anos utilizadas como campos de fútbol pola Sociedade Deportiva de Oseiro, e recentemente polo Clube de Rugby Zalaeta, a cambio de tres fincas que usará como almacén de obras.
Ana Cedeira, voceira do grupo socialista, sinala que “a veciñanza de Oseiro tiña neste lugar un espazo deportivo á súa disposición e pese as propostas que fixemos dende o PSdeG para poñer esas instalacións en valor e proxectar unha zona deportiva, o actual goberno local deixou que fosen caendo en desuso e abandono”.
Trala cesión da Deputación de A Coruña ao concello do Polígono de Sabón, o grupo de goberno actual comezou a falar dunha posible venda ou permuta desas parcelas e recentemente confirmou a permuta cunha empresa que realiza a súa actividade no polígono de Sabón e aporta un número importante de empregos a veciñanza do concello.
“Dende o noso grupo entendemos que o mantemento da actividade desta empresa no noso municipio é positiva,” afirma Cedeira, ao tempo que indica que “só debería de facerse cun compromiso por parte de toda a corporación arteixá para compensar á veciñanza de Oseiro” co desenvolvemento dun plan especial para dotar dunha zona cun campo de fútbol e outros espazos deportivos tal como xa incluían no seu programa electoral nas municipais de 2023.