Turismo de Galicia celebra unhas xornadas informativas sobre a primeira das accións desta folla de ruta, coa que o Goberno autonómico busca intensificar as certificacións nos servizos públicos da ruta xacobea
Representantes dos concellos lucenses polos que discorren as rutas xacobeas participaron hoxe na reunión informativa realizada pola Xunta do novo plan para reforzar a calidade dos recursos turísticos do Camiño. Tratouse dunha xornada técnica que se celebrou no salón de actos da Xefatura Territorial de Sanidade para coñecer a primeira das medidas do Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística que o Goberno autonómico ten en marcha este ano cun investimento global de máis de 500.000 euros.
No encontro foron informados do proxecto de implementación de certificacións que este ano leva a cabo Turismo de Galicia en colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade (ICTES), para intensificar a certificación da calidade e sustentabilidade nos servicios turísticos públicos do Camiño de Santiago. O obxectivo é conseguir a finais de 2024 no conxunto da Comunidade 20 novas marcas Q de Calidade e 80 novas marcas S de Sostibilidade nas contornas xacobeas.
Como se explicou na reunión, promóvese a distinción de distintos recursos de xestión pública vinculados co Camiño de Santiago, como espazos singulares, oficinas de información turística, museos, instalacións náutico deportivas, praias, transporte turístico, espazos naturais protexidos ou albergues situados nalgunha das rutas. Como novidade, poderán incorporarse á certificación S de Sostibilidade turística tamén os albergues de Rede Pública de Albergues do Camiño.
Esta iniciativa forma parte do Plan de Acción que Turismo de Galicia levará a cabo este ano para reforzar a calidade do destino galego a través dun plan de acción dotado con máis de medio millón de euros que se dirixirá tanto ao sector privado como público. A intención é consolidar a posición de liderazgo da Comunidade galega en materia de certificación de calidade e sostibilidade turística.
Máis empresas certificadas
No eido da calidade turística no sector privado, o Plan de Acción inclúe o impulso do Goberno autonómico para que as certificacións de calidade cheguen tamén a cada vez máis empresas turísticas. Neste sentido, Turismo de Galicia, en colaboración co Cluster de Turismo de Galicia continuará prestando apoio e asesoramento ás empresas para que estean en condicións de superar a auditoría externa para a consecución da Q de Calidade Turística e a S de Sostibilidade. Como complemento a estas accións, Turismo de Galicia incrementará este ano un 23% a contía das axudas anuais, en réxime de concorrencia competitiva, para apoiar a establecementos e servizos turísticos de xestión pública ou privada nos procesos de certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade ou a S de Sostibilidade.