Este programa o xestiona Cogami e cofinancia a Xunta a través dos fondos do 0,7 % do IRPF da declaración da renda
A asociación Amizade continua co “programa de atención integral para as persoas con discapacidade” o cal consiste en ofrecer unha ampla variedade de actividades e servizos ás persoas con discapacidade da comarca.
Así pois, dentro deste proxecto realízase a coordinación e xestión de diferentes actividades deportivas e de lecer así como actividades de información, prevención, sensibilización e difusión sobre diferentes temáticas asociadas á discapacidade.
Dado que se apreciou unha elevada demanda en actividades relacionais, amizade puxo recentemente en marcha un Obradoiro de coiro e un segundo grupo do Obradoiro de ocio para tentar dar resposta ás necesidades trasladadas.
A asociación tamen conta cun servizo de información e asesoramento dispoñible para todas aquelas persoas que poidan ter unha dúbida sobre calquera cuestión relacionada coa discapacidade, e aposta pola sensibilización social e política mantendo charlas en colexios da zona e reunións con representantes políticos de varios concellos.
De todas estas accións poderanse beneficiar persoas con discapacidade física, intelectual, psíquica, sensorial ou mixta da comarca, as cales moitas veces non poden acceder á oferta ordinaria por non contar coa accesibilidade axeitada ou suponer un custe demasiado elevado para beneficiarse dos servizos de autonomía persoal que precisan en tempo e forma.
Este proxecto non podería levarse a cabo sen a cofinanciación da Xunta de Galicia gracias aos impostos recabados na declaración da renda pola casiña 106 “Actividades consideradas de interese social”.
A asociación Amizade nace no ano 1988 en prol da defensa dos dereitos das persoas con discapacidade da comarca. Foi declarada de utilidade pública no ano 2015.