O Ineltrón Santo Domingo busca en Ferrol a vía directa cara á “F4”

por Redacción Deportes

Aínda que non de modo matemático, pola enorme igualdade do Grupo A1 da 1ª Nacional (onde só 3 vitorias separan o primeiro e o sexto clasificado, precisamente os equipos que se han enfrontar en Caranza o vindeiro sábado) se o Ineltrón Santo Domingo Betanzos consegue derrotar o Costa Ártabra nesta vindeira xornada, o conxunto de Doc dará un paso de xigante para clasificarse para a Final a Catro da categoría, onde se deciden, como se sabe, dous ascensos a liga EBA. Así, abondaría con gañar o último partido que se xoga na casa, contra un rival, en principio, dos menos perigosos do grupo (o Berberecho de Noia) e esperar por unha clasificación final que virá determinada por enfrontamentos directos entre varios aspirantes.

Pero para iso, e coa mesma evitar unhas xornadas finais onde primen empates e cálculos sobre average, o equipo betanceiro debe dar boa conta dun conxunto que, malia os enganosos marcadores dos últimos enfrontamentos directos, con tres vitorias para o Santo Domingo (a última por 91-70), sempre causou moitos problemas en pista. Se a iso engadimos que todas as posibilidades de clasificación do equipo ferrolán para a Fase Final pasan por sumar neste partido, xa temos todos os ingredientes necesarios para un choque de “alta voltaxe” no Gómez Noya de Caranza (sábado 18h.)

Fin de semana crucial para as aspiracións do equipo júnior e do infantil masculino

As outras citas importantes desta fin de semana teñen como protagonistas equipos de canteira. Os máis “madrugadores”, os júnior de Javier Codesido e Alberto Blanco que afrontan dende o venres os play- off polo título da liga da Coruña, nun enfrontamento en Betanzos contra Traumacor Culleredo (20.15h). Polo que toca ao Infantil Masculino, a un paso de certificar a permanencia en Primeira División tras as vitorias en Coruña e Narón, os de Espiñeira, Seijo e Sandra Mira reciben no Carregal en xornada dobre os equipos vigueses de Novobasket (sábado 16h) e Seis do Nadal (domingo 17h), enfrontamentos cruciais á hora de loitar por esa terceira praza que dá paso aos cruces das fases finais. Os Preinfantís, obrigados a sumar para non descolgárense dos postos de cabeza do seu grupo, xogan tamén na casa contra o Obradoiro (sábado 12h) e as cadetes feminino de Jose Ríos disputarán o 5º posto da liga Coruña-Ferrol ao Culleredo B, neste caso lonxe de Betanzos.

As infantís feminino de Grelo Santo Domingo xogan contra Basquet Coruña na casa, as mini contra Compañía de María na Coruña e as sénior, que se medirán ao Depordima en Ourense, buscan dilucidar quen acada o 19º posto da liga de Segunda división. Por último, os mini de Primeira viaxan a Vigo e La Goleta, os sénior de Terceira, continúan a loita polo ascenso recibindo ao Adfro mentres que o equipo B fará o propio -neste caso co obxectivo de evitar o descenso- contra o Basquet Coruña.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario