ABANCA gaña no primeiro trimestre do 2024, 158,4 millóns de euros, cunha rendibilidade do 13,2%

por Redacción Galicia

ABANCA obtivo no primeiro trimestre de 2024 un beneficio atribuído de 158,4 millóns de euros. Este resultado, que supón unha rendibilidade ROTE do 13,2%, está apoiado fundamentalmente no dinamismo do negocio retail e no sólido perfil financeiro da entidade.

ABANCA mostrou no arranque do exercicio un desempeño comercial moi positivo que lle levou a incorporar 30.000 novos clientes. O 61% das novas altas produciuse en áreas xeográficas de expansión, destacando Portugal, que rexistrou un incremento do 38%. Este ritmo de incorporación veu acompañado dun destacable nivel de satisfacción, cifrado nun índice de prescrición neta para estes clientes de 65 puntos. O banco incrementou a súa cota de mercado en España en 21 p.b. tanto en crédito como en depósitos minoristas. En Portugal os incrementos foron, nos dous casos, de 14 p.b.

Esta mesma tónica de crecemento observouse na captación de recursos fóra de balance. ABANCA rexistrou un incremento das subscricións netas de fondos de investimento do 56,2% en comparación co primeiro trimestre de 2023, fronte a un descenso do 23,9% no conxunto do sistema. O volume xestionado en fondos de investimento supera os 8.000 millóns de euros, cunha variación interanual do 11,6%, mentres que en xestión discrecional de carteiras sitúase por encima dos 1.500 millóns de euros, tras crecer un 25,0% nos últimos doce meses.

Outro dos principais fitos do trimestre foi o lanzamento de B100, un novo banco dixital centrado na saúde persoal, a saúde do planeta e a saúde financeira. B100 opera xa no mercado con produtos propios, diferenciais e innovadores, como contas para operatoria habitual e de aforro, e tarxetas de débito.

En materia de sostibilidade, o trimestre trouxo novos avances en materia ambiental, social e de gobernanza. Tras anunciar nas últimas semanas a obtención do rating de sostibilidade de categoría A da axencia MSCI, que se suma ás cualificacións que xa recibía de Sustainalytics e Moody´s Analytics, ABANCA é cualificada polas tres axencias máis relevantes do mercado en temática ASG e as súas puntuacións sitúanse en niveis moi destacados dentro do sector financeiro.

Resultados de alta calidade

A entidade segue combinando un significativo crecemento dos ingresos co mantemento dun estrito control do custo do risco.

A marxe de intereses creceu un 49,2% en termos interanuais, ata os 376,6 millóns de euros, mentres que a marxe básica situouse nos 449,4 millóns, tras crecer un 36,7%. Este bo desempeño das marxes foi impulsado principalmente pola actividade retail.

A cociente de eficiencia situouse no 48,0%, cifra que supón unha mellora de 3,0 puntos porcentuais no último ano. Os ingresos resultaron esenciais para compensar os gastos da incorporación de TARGOBANK ao perímetro de consolidación e o esforzo adicional realizado para mellorar a retribución do persoal, potenciar o negocio (novos proxectos, campaña de márketing nacional, etc.) e mellorar a atención ao cliente.

O custo do risco mantense controlado, no 0,28%, cun cociente de morosidade do 2,5% e unha cobertura para estes activos do 71,3%.

Foco en empresas e familias

ABANCA xestiona un volume de negocio superior aos 124.000 millóns de euros, contabilizando o negocio de EuroBic cuxa adquisición foi anunciada en novembro de 2023.

A entidade mantén, a peche do primeiro trimestre do ano, unha carteira de crédito en situación normal cifrada en 44.554 millóns de euros, tras crecer un 0,9% interanual. Destaca de maneira especial o incremento das formalizacións de crédito, que foi dun 7,0%, así como o crédito ao sector privado, que aumentou un 4,6%. Os principais destinatarios do financiamento concedido pola entidade seguen sendo as empresas e familias, que cun 43% e un 41% respectivamente supoñen o 84% do total.

Os recursos xestionados de clientes creceron un 9,7% en termos interanuais, ata os 68.110 millóns de euros, sendo especialmente relevante o incremento de 5.889 millóns de euros en saldos a prazo e produtos fóra de balance. A estrutura de recursos de clientes presenta un 78% en saldos á vista e a prazo, e un 22% en recursos fóra de balance.

Os depósitos minoristas aumentaron un 8,8%, ata os 53.390 millóns de euros, o que supón incrementos de cota de mercado neste segmento de 21 e 14 p.b. en España e Portugal, respectivamente. O 94% dos depósitos da entidade corresponden a familias e empresas, cunha alta granularidade: o 72% deles atópanse por baixo do nivel dos 100.000 euros.

Polo que respecta ao negocio fóra de balance, a entidade mantén a tónica dos últimos exercicios, cun intenso ritmo de crecemento en activos baixo xestión. Os recursos fóra de balance eleváronse nun 13,0% interanual, ata os 14.720 millóns de euros. Os ingresos por prestación de servizos vinculados a estes produtos creceron un 5,0%.

No negocio asegurador, as primas de seguros xerais e vida risco creceron un 10,1% interanual, ata os 473,3 millóns de euros. As primas de seguros de decesos creceron un 53%, as de seguros de saúde un 20%, as de seguros de empresas un 14% e as de seguros vida-risco un 11%. Os ingresos por prestación de servizos vinculados a estes produtos creceron un 13,0%.

Sólido perfil financeiro

Un trimestre máis, ABANCA reafirma a súa posición como unha das mellores entidades do sistema por calidade e cobertura dos seus activos, con niveis do 24,5% en cociente Texas, 63,5% en cobertura de adxudicados e 71,3% en cobertura de morosidade.

Os saldos dubidosos mantéñense contidos, nun nivel do 2,5%, claramente por baixo da media do sistema (2,9%).

En solvencia, ABANCA presenta un cociente de capital total do 16,8% e un exceso de 429 p.b. e 1.463 millóns de euros sobre requisitos totais (437 p.b. e 1.489 millóns de euros sobre requisitos CET1). A entidade cumpre cunha marxe de 118 p.b. o requirimento MREL fixado para 2024.

ABANCA conta cunha estrutura de financiamento baseado fundamentalmente en depósitos minoristas, que supoñen o 82% do total. O cociente de crédito sobre depósitos minoristas (LTD) está situado no 84,1%.

ABANCA dispón de 18.859 millóns de euros en activos líquidos, cifra que equivale a 3,8 veces os seus vencementos previstos de emisións. Adicionalmente, a entidade dispón dunha capacidade de emisión de cédulas de 6.815 millóns de euros, o que sitúa a súa posición total en 25.675 millóns de euros. Estas cifras dan lugar a uns sólidos cocientes de liquidez, do 138% en financiamento neto estable (NSFR) e do 218% en cobertura de liquidez (LCR).

Banca responsable e sostible

No ámbito ASG, ABANCA arrincou 2024, último exercicio do seu Plan de Banca Responsable e Sostible 2021-2024, recibindo o rating de sostibilidade de nivel A da axencia MSCI. Con iso, a entidade é cualificada polas tres principais axencias de rating ASG, dado que xa o viña sendo por Sustainalytics e Moody´s Analytics.

As puntuacións obtidas pola entidade sitúanse por encima da media do sector, destacando especialmente na clasificación de Sustainalytics, onde é o 8ª mellor banco do mundo.

O banco lanzou o Plan de Acción ABANCA Sostible 2024 co obxectivo de seguir avanzando no proceso de transformación do tecido empresarial. O Plan inclúe, por unha banda, unha liña de acompañamento a clientes dirixida a máis de 20.000 persoas xurídicas, e, por outro, unha liña de formación específica en finanzas sostibles para máis de 400 profesionais de diferentes equipos do banco, que se traducirá en acreditación especializada.

Así mesmo, ABANCA promoveu a participación de 65 dos seus provedores no programa de formación ’Provedores Sostibles’, iniciativa do Pacto Mundial da ONU España dirixida a axudar ás pemes para superar barreiras no proceso de transformación sostible.

En paralelo, a entidade continúa desenvolvendo accións de sensibilización sobre sostibilidade para o seu equipo humano, polas cales pasaron xa a práctica totalidade do persoal.

En materia ambiental, ABANCA intensificou o seu programa de voluntariado ambiental (PLANCTON) organizando actividades en ecosistemas mariños e terrestres situados en diferentes localidades españolas.

Tamén destaca a renovación do certificado ‘Residuo Cero’ de AENOR para as sedes corporativas de ABANCA, nas que o banco aplica un ambicioso plan de recollida, clasificación e recuperación de residuos enfocado á súa reutilización, reciclado e valorización.

Doutra banda, no primeiro trimestre de 2024, ABANCA evitou a emisión á atmosfera dun total de 1.259,09 toneladas de CO2 a través da compra de enerxía 100% renovable con garantía de orixe.

No ámbito social, a plataforma educativa Educa e Afundación, a Obra Social de ABANCA, entregaron os VII Premios Educa ABANCA aos mellores docentes de 2023. Coincidindo coa gala de entrega, abriuse o prazo para a presentación de candidaturas para a próxima edición.

En educación financeira, o banco participou na Global Money Week 2024, en cuxas actividades tomaron parte un total de 750 estudantes. Doutra banda, ABANCA lanzou a terceira edición do seu plan de formación e capacitación dixital de persoas maiores en localidades do rural, deseñado co obxectivo de mellorar a inclusión financeira deste colectivo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario