Besteiro, na homenaxe a Luísa Villalta: “A defensa da nosa lingua é hoxe máis necesaria que nunca”

por Redacción Galicia

“Somos o partido que levou o galego ao Congreso e que quere levalo tamén ás institucións europeas”, asegurou

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou esta mañá o acto conmemorativo do Día das Letras como “unha oportunidade para reivindicar o noso patrimonio linguístico, cuxa defensa é hoxe  máis necesaria que nunca”. No Teatro Colón da Coruña, sinalou a homenaxe a Luísa Villalta como “o xusto recoñecemento a unha autora con maiúsculas, a unha escritora que sempre defendeu o noso idiomna e o fixo cunha liberdade creativa que 20 anos depois do seu falecemento segue tan viva como o primeiro día”.

O tamén voceiro do Grupo Socialista no Parlamento galego lembrou que o pasado 11 de abril, con motivo da sesión de investidura do presidente da Xunta, o PSdeG “adiantouse a ofrecer un gran pacto pola lingua” co fin de reverter a continua e “preocupante” perda de falantes das dúas últimas décadas, de 10 puntos porcentuais. A defensa da lingua “é un deber de todos”, asegurou.

“Os socialistas podemos falar con feitos: somos o partido que levou o galego ao Congreso e que quere levalo tamén ás institucións europeas”, defendeu, e desexou “non estar sos nese camiño, porque se non coidamos a nosa lingua, perdemos un dos nosos principais sinais de identidade”.

Besteiro mostrou a súa Ledicia por poder gozar do Día das Letras Galegas na Coruña, a cidade natal da homenaxeada, como é tradición, e “a cidade que tanto amou Villalta”. “Oxalá moitas máis Luísas Villalta”, desexou.

Comparte éste artículo
1 Comment