No poema de Celso Emilio Ferreiro:
«Eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dáme a gaña, porque me sae de dentro…» (Deitado fronte ao mar)
Tantos anos despois, Celso Emilio quizais non acreditaría vendo unha Galicia tan alonxada do orgullo de seu. Castelanizada na escrita e na fala, pasada incluso aquela moda dos nomes propios incentivada polo bipartito que nos deixara un regueiro de «Uxías» e «Brais» hoxe en franco retroceso, de volta aos exotismos foráneos ou aos rexios españois de toda a vida. A língua proletaria do noso pobo xa non atopa pobo onde ver nada redactado en galego, iso que chamaban imposición e agora sinxelamente é pura desaparición, algo mitolóxico que parece nunca existira.
En realidade, esa era a finalidade dos que viñeron despois, facernos crer que o nosa língua só é un reduto sentimental para falar na intimidade como facía Aznar co catalán. E aquí prendeu até o punto de que resulta case quimérico atopar calquera tipo de comunicación en galego. Resulta dunha tristura abrumadora que a «App» da Federación Galega de Fútbol estea completamente en castelán, que non sexan capaces de facer honra ao seu nome, e máis triste aínda que cando veñen á periferia e fan a cartelería dun evento non atinen a saber escribir correctamente «Feminina», pero «Mayo» si que o escribiron perfectamente. E diso vén o resto, os carteis dos torneos deportivos de calquera vila ou aldea redactados como se en vez de na Costa da Morte fosemos Móstoles, preocupados de que os catro veciños que somos non entendamos as poucas frases que se requiren para facer un convite a participar se as poñen en galego. Atopar menús en restaurantes onde serven «Jurelitos fritos» é case unha coitelada no corazón, un morrer pouco a pouco esa herdanza que nos deixaran Celso Emilio e tantos outros dos nosos orgullosos poetas e escritores. Na vila de Eduardo Pondal, o autor do himno galego, o equipo local aínda segue tendo o nome deturpado dunha toponimia que xa non é oficial. É a língua proletaria dun pobo que xa non é que non se fale nin escriba, senón que xa nin se recoñece como propia.
«Falar a fala nai, a fala dos avós que temos mortos…»