Jaime de Olano: “É unha tomadura de pelo aos mariñáns que o Goberno de Pedro Sánchez teña paralizado o proxecto da A-74 que leva cinco anos en redacción”

por Redacción Lugo

O Partido Popular denuncia a “tomadura de pelo” aos lucenses e, máis directamente, aos mariñáns pola “parálise da autovía A-74 por parte do Goberno de Pedro Sánchez”. Así o expresa o deputado mariñán Jaime De Olano tras recibir a resposta do Executivo á última pregunta ao respecto desta autovía formulada no Congreso dos Deputados.

Os deputados lucenses preguntaban que prazo manexa o Executivo central para ter rematado o proxecto -empezado dende fai 30 anos- para a construción da autovía da Mariña, pero “o Goberno de Pedro Sánchez limítase a dicir que: “Los proyectos de los tramos de la Autovía da Mariña A-74 se encuentran en fase de redacción”.

O popular incide en que “o PSOE mentiu con respecto a esta obra que está nun caixón como demostran as respostas ás distintas preguntas formuladas ano tras ano no Congreso sobre o estado da redacción do proxecto para a A-74”. Xa no 2020 ofrecían a mesma resposta: “que o tramo Foz-Burela está en redacción dende febreiro do 2019 e para o tramo Foz-Barreiros (agora subdivido en dous) se aprobou en outubro do 2019 o expediente de información pública”. Polo tanto, “levan máis de 5 anos para redactar o proxecto desta infraestruturas de aproximadamente 30 km de trazado”. De Olano subliña que “é un engano e unha mostra da falta de compromiso do PSOE coa Mariña”.

“Ao longo destes anos desde o Partido Popular estivemos vixiantes sobre o desenvolvemento das infraestruturas da Mariña”, sinala o deputado. Concretamente, os deputados teñen formulado no Congreso preguntas, defendido iniciativas e presentado emendas aos Presupostos Xerais do Estado para insistir na reserva de partidas orzamentarias que permitan avanzar na execución desta obra “para a que o Goberno do Partido Popular deixara consignación no 2018”, puntualiza De Olano.

BESTEIRO TAMÉN MENTIU

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aseguraba -durante a campaña electoral ás xerais na que el mesmo encabezaba a lista dos socialistas na provincia- que se gobernaba o PSOE se iniciarían no 2024 as obras da A-74, pero “a resposta do Goberno de Pedro Sánchez déixao en evidencia. Constátase  que Besteiro mentía porque, se aínda está o proxecto en redacción, dificilmente se poderá contratar ningunha obra”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario