«A Laracha Creativa» ofrecerá un amplo abano de obradoiros e actividades culturais á mocidade no mes de xuño

por 21 Noticias

O programa é organizado polo Concello co financiamento da FEMP e o Injuve.

O Concello porá en marcha no mes de xuño un novidoso programa cultural que, baixo o título A Laracha Creativa, ofrecerá un total de dez propostas pensadas para a participación de persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos.

A Laracha Creativa consiste nunha ampla selección de oito obradoiros onde a imaxinación, a inventiva e o talento artístico da mocidade se sitúan no centro. Tamén haberá oportunidade de que as persoas participantes poidan atoparse e compartir o aprendido e experimentado no encontro que se vai celebrar o 28 de xuño. Como clausura do proxecto, nesa mesma data haberá un concerto de Catuxa Salom.

O programa completo de A Laracha Activa oferta todas estas propostas:

  • Obradoiro de xoiaría sostible con María Candamo de Lixo Atelier. Sábado 8 de xuño na Casa da Cultura (1ª quenda 10.30 a 12.00 h / 2ª quenda 12.00 a 13.30 h).
  • Obradoiro de Banda deseñada con Julia Lago. Sábado 8 de xuño na Casa da Cultura de 12.00 a 14.00 h. 
  • Obradoiro de pandeireta con Jenni Felpete. Sábado 8 de xuño na Casa da Cultura de 16.00 a 18.00 h. 
  • Obradoiro de bordado con Tati Fernández de Xenuina. Sábado 15 de xuño na Casa da Cultura de 10.30 a 14.00 h.
  • Obradoiro de colaxe con Alba Hurakán. Venres 21 de xuño na Casa da Cultura de 19.00 a 21.00 h. 
  • Obradoiro de ilustración a través da música con Nerea Vilariño. Venres 21 de xuño na Casa da Cultura de 19.00 a 21.00 h. 
  • Mural colaborativo con Ana Crujeiras. Sábado 22 de xuño na Casa do Concello de 10.00 a 20.00 h.
  • Obradoiro de danzas urbanas con Andrea Castro. Xoves 27 de xuño no Baixo da Biblioteca da Laracha de 19.00 a 21.00 h.
  • Encontro ‘A Laracha Creativa’. Venres 28 de xuño na Casa da Cultura de 19.00 a 21.00 h. 
  • Concerto Catuxa Salom. Venres 28 de xuño na Praza Les Sables d’Olonne a partir das 22.00 h. 

A participación en todas as actividades é gratuíta. Os únicos requisitos son ter entre 16 e 35 anos e formalizar a inscrición cubrindo o formulario en liña que está dispoñible na web alaracha.gal e nas redes sociais municipais. A inscrición será por orde de chegada e ata completar o aforo, tendo prioridade as persoas empadroadas no concello da Laracha.

O proxecto A Laracha Creativa é organizado polo Concello e financiado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto de la Juventud (Injuve).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario