O proceso de matrícula iniciarase o próximo 8 de xullo.
A Universidade da Coruña (UDC) ofertará no curso académico 2026/2027 preto de 3300 prazas (un total de 3284) de novo ingreso en estudos de grao, graos abertos e programas de simultaneidade. O alumnado admitido no primeiro chamamento poderá formalizar a matrícula os días 8 e 9 de xullo, despois da publicación da primeira listaxe de persoas admitidas, prevista para o día 7.
A oferta académica da UDC para o próximo curso incorpora un aumento do número de prazas en varias titulacións. Así, o Grao en Bioloxía contará con 70 prazas, sete máis que no curso anterior; o Grao en Relacións Internacionais, impartido conxuntamente coa Universidade de Vigo, incrementa tamén en sete as súas prazas na UDC, ata alcanzar as 30; e o Grao en Arquitectura Técnicaaumenta a súa capacidade en cinco prazas, chegando ás 55.
A Universidade mantén unha ampla oferta formativa en todos os ámbitos do coñecemento, con máis de 40 títulos de grao. Entre as titulacións con maior número de prazas destacan Enxeñaría Informática, con 259 prazas;Administración e Dirección de Empresas, con 180; Estudos de Arquitectura, con 132; e os graos en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Dereito, Educación Infantil e Educación Primaria, con 120 prazas cada un.
No catálogo da UDC destacan varias titulacións de enxeñaría únicas en Galicia, como Tecnoloxía da Enxeñaría Civil, Enxeñaría de Obras Públicas, Náutica e Transporte Marítimo, Mariña ou Enxeñaría en Tecnoloxías Navais. Estes estudos reforzan o papel da Universidade da Coruña como principal referente galego na formación de profesionais para os sectores das infraestruturas, o transporte marítimo e a industria naval.
A oferta inclúe tamén títulos vinculados aos sectores emerxentes e/ou de maior demanda profesional, como o Grao en Intelixencia Artificial, impartido conxuntamente coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo; o deCiencia e Enxeñaría de Datos; Nanociencia e Nanotecnoloxía; Creación Dixital, Animación e Videoxogos; ou o Grao en Xestión Industrial da Moda.
Calendario de matrícula
O primeiro chamamento da convocatoria ordinaria publicarase o 7 de xullo e a matrícula poderá formalizarse os días 8 e 9 de xullo. Os seguintes chamamentos terán lugar os días 14, 21, 24 e 29 de xullo e o 2 de setembro, con prazos de matrícula asociados ata o 4 de setembro. Ademais, realizaranse convocatorias por vacantes ata o 14 de outubro para cubrir as prazas que poidan quedar dispoñibles.
A información completa sobre o proceso de admisión e matrícula pode consultarse nas páxinas web da Universidade da Coruña e da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).