Ferreiro: «Esta xuntanza é un espazo de debate e análise da comunidade educativa que buscará o beneficio do estudantado e da mocidade de Lugo»
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu unha xuntanza do Consello Escolar Municipal, «o órgano no que se integran os sectores sociais implicados na educación». Ferreiro explicou que «este órgano é un importante espazo de debate, análise e encontro da comunidade educativa, que serve para coordinar accións de todos os obrantes da acción educativa en beneficio do estudantado e a infancia e mocidade de Lugo.
Maite Ferreiro trasladou a esta xuntanza os plans de actuación a desenvolver dende a Concellería de Educación. Ferreiro anunciou que a principal liña segue a ser o mantemento doscentros educativos e a prestación de axudas a familias con baixos recursos «para garantir que, independentemente da situación económica familiar, todas as nenas e nenos poidan asistir ao colexio con todo o material preciso», afirmou Maite Ferreiro. Na actualidade, o Concello de Lugo asume unha serie de competencias en educación «debido ao abandono da Xunta, que deixa de lado as súas responsabilidades en servizos como escolas infantís, comedores escolares, axudas para libros de texto ou actividades extraescolares», afirmou Maite Ferreiro, que engadiu «isto supón anualmente un importante esforzo tanto económico como administrativo para o Concello de Lugo».
O Consello Escolar Municipal conta coa participación, ademais de Maite Ferreiro como representante da Concellería de Educación, de persoal técnico da concellería de Educación, o Secretario do Pleno e un técnico de Enxeñaría, xunto con tres representantes da Inspección Educativa e da Consellería de Educación da Xunta de Galiza. Por parte da comunidade educativa asiste un representante dos centros de educación infantil, dous de educación primaria, dous de secundaria e un en representación do ensino privado. O profesorado está representado cun total de 10 persoas neste organismo, que conforman o organismo xunto con 6 representantes das familias e 4 estudantes de educación secundaria.