O Concello da Coruña aproba a nova Ordenanza Municipal de Subvencións

por Redacción A Coruña

Permitirá simplificar e reducir os trámites administrativos para a solicitude de axudas

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este xoves a sesión ordinaria do Pleno municipal, no que se aprobou, de forma inicial, a nova Ordenanza Municipal de Bases reguladoras xerais para a Concesión de Subvencións do Concello.

O concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, precisou hoxe as principais medidas que contempla o texto da ordenanza, que xa recibiu luz verde na Xunta de Goberno Local que tivo lugar a semana pasada, e que posibilitará ao Concello dispor dunha nova ferramenta que lles dará unha maior seguridade xurídica ás entidades e persoas beneficiarias e tamén permitirá axilizar a concesión das axudas públicas que se outorgan a nivel municipal.

Unha das medidas destacadas que contempla a ordenanza é a simplificación e redución de cargas administrativas. Por exemplo, xa non será necesario esixir a presentación de documentos ou a achega de datos que xa estean en poder das administracións públicas. Isto tamén contribuirá a axilizarlles os trámites ás persoas ou entidades solicitantes.

Lage expuxo que «se poderán executar pagamentos a conta ou anticipados, superando o 90% do importe subvencionable xusto despois da concesión, para facilitarlle aos beneficiarios o desenvolvemento das súas actividades. Como é lóxico, os gastos deberán xustificarse con posterioridade».

Ademais, no primeiro semestre de cada exercicio, a Xunta de Goberno Local dará conta dunha memoria das subvencións concedidas durante o ano anterior. Isto servirá para facer balance e render contas, «unha medida pioneira a nivel local e que redundará tamén nunha maior transparencia por parte da Administración», indicou Lage.

A aprobación inicial da ordenanza supón, en termos prácticos, a súa saída a exposición pública e a apertura do prazo de alegacións, cumprindo coa normativa vixente. Tras este trámite, deberá volver ao Pleno, con vistas á súa aprobación definitiva.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario