O evento terá lugar o vindeiro 22 de xuño no Pazo Paco Paz, grazas á cooperación entre a institución provincial e a federación, e permitirá desfrutar a todas as idades dos atractivos do baloncesto en formato 3×3
Grazas á colaboración directa entre a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Baloncesto, o Pazo Paco Paz albergará o vindeiro 22 de xuño o «3×3 DepOUrense». Trátase dun evento que combinará a xornada de competición con actividades lúdicas, coa música e as artes urbanas como aliadas perfectas desta práctica deportiva. E contará tamén cun marcado compoñente saudable: todos os participantes gozarán de froita fresca e auga, e poderán realizar doazóns de sangue na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue do Sergas que estará instalada no exterior do Paco Paz.
Os equipos interesados en participantes xa poden facelo ata o 20 de xuño a través da páxina web http://torneo3x3depou.com, ou ben na da propia federación www.fegaba.com. A inscrición é libre e gratuíta.
O «3×3 DepOUrense» está aberto á participación de todas as idades. Así, sobre a pista central do Paco Paz e na súa pista auxiliar poranse en xogo as categorías desde premini ata sénior, incluíndo unha categoría +45 e outra familiar, abrindo a posibilidade a todas as idades de gozar dos atractivos do baloncesto en formato 3×3. A pesares de que o carácter competitivo non é o principal compoñente deste evento, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados, un premio especial para os campións en cada categoría e un recordo para todos os participantes, así como outras sorpresas a través de concursos e agasallos.
O deporte de equipo urbano número 1 do mundo
O baloncesto 3×3 é o deporte de equipo urbano número 1 do mundo. Trátase dunha modalidade que se xoga nunha única canastra e consta de tres xogadores por equipo. Está impulsado pola FIBA e xa se disputou en certames oficiais internacionais, como nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Se ben este xogo xa existía con anterioridade, a FIBA regulamentouno e creou campionatos internacionais para o mesmo. De feito, desde 2012 dispútase a Copa Mundial FIBA de Baloncesto 3×3.