Os traballos inclúen a creación do rexistro oficial de aglomeracións urbanas de Galicia e a proposta de medidas coas que mellorar as instalacións de depuración ineficientes, reducir as infiltracións nas redes municipais, optimizar a xestión das augas pluviais e a eficiencia enerxética dos sistemas de saneamento
A Xunta sacou a licitación hoxe a segunda fase dos traballos do Plan de saneamento de Galicia. O contrato, cun orzamento de 1,3 millóns de euros, ten como obxectivo facilitar avances no estado da rede coa que conta a comunidade e optimizar o aproveitamento dos recursos hídricos galegos.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as obras de saneamento que Augas de Galicia está a realizar no concello de Rois, onde salientou que este plan xa está moi avanzado. De feito, xa se completou a primeira fase dos traballos, na que se analizaron os sistemas de depuración existentes no territorio e se fixo unha diagnose das necesidades.
A responsable autonómica detallou que esta segunda fase do plan de saneamento incluirá a creación do rexistro oficial de aglomeracións urbanas de Galicia -en aplicación da lei galega do ciclo da auga- e adaptará tamén a estratexia a seguir ao disposto na nova directiva de augas residuais europeas, que se aprobará previsiblemente este ano.
Ángeles Vázquez explicou que esa estratexia propiciará a reutilización de augas residuais xa depuradas cando sexa viable en función dos usos previstos, das condicións sanitarias exixibles e de acordo cos estudos técnicos e económicos que se fagan. Neste sentido, o plan proporá medidas coas que mellorar as instalacións de depuración que resulten ineficientes, reducir as infiltracións nas redes municipais, optimizar a xestión das augas pluviais así como a eficiencia enerxética dos sistemas de saneamento.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu que esta é unha das iniciativas nas que está a traballar o Executivo galego dentro da súa planificación estratéxica en materia de augas, aprobada onte no Consello da Xunta e na que se investirán preto de 7 millóns de euros. A finalidade desta estratexia -na que se inclúen cinco plans diferentes- é mellorar a xestión das augas continentais galegas, optimizar o aproveitamento dos recursos naturais e das infraestruturas hidráulicas xa existentes así como das que poidan ser necesarias no futuro.
Obra de Rois
En canto ás obras de saneamento na parroquia de Urdilde, en Rois, a conselleira explicou que as actuacións implican un investimento de máis de 850.000 euros e que o obxectivo é que estean rematadas a finais de ano. A finalidade é contar cunha nova depuradora e construír a rede de colectores correspondente -máis de 580 metros de tubaxes- que darán servizo a unha poboación equivalente de preto de 550 habitantes.
Os traballos permitirán mellorar o sistema de depuración existente na zona, conectando as vivendas á nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), o que terá beneficios no medio ambiente e na calidade das augas da contorna.
Esta é unha das actuacións incluídas nos orzamentos do Executivo galego para este ano, que mobilizará un total de 85 millóns de euros en distintas actuacións de saneamento e depuración de augas -incluíndo a explotación de 27 depuradoras cuxa xestión foi cedida á Xunta polos concellos- e 23 millóns de euros na mellora dos sistemas de abastecemento municipais.
Metas ODS
Nesta liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu en que este esforzo contribúe a que Galicia avance a bo ritmo cara ao cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) marcados a nivel global pola chamada Axenda 2030, situándose xa en todos eles por riba dos resultados a nivel nacional.
De feito, no caso do apartado de Auga limpa e saneamento (ODS número 6) experimentou avances notables dándose por conseguida esta meta grazas a medidas impulsadas pola Xunta como os Plans de xestión da auga de Galicia para acadar servizos de subministración e depuración axeitados e equitativos ou outros documentos de planificación para facer fronte a aspectos como a seca, o risco de inundacións ou o aproveitamento hidroeléctrico dos recursos naturais.