Javier Arias: «A única que fixo un xiro de guión e que demostra pouco respecto institucional é Paula Alvarellos»

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que «aquí a única que fixo un xiro de guión e que demostra pouco respecto institucional é a propia alcaldesa de Lugo, que hai quince días valoraba positivamente o plan da Consellería de Sanidade para a construción dun novo centro de saúde e a mellora do entorno do barrio do Sagrado Corazón, incluso manifestando que non eran necesarias mais actuacións no barrio, e agora sae publicamente criticando a Xunta polo proxecto».

O Goberno galego propuxo nunha reunión celebrada o pasado 29 de maio e na que estaba presente o Delegado da Xunta e a alcaldesa xunto ao seu equipo técnico, unha ambiciosa configuración urbana arredor do futuro centro de saúde, na que ademais se resolvían os problemas de accesibilidade dos veciños do edificio que linda co vello patio escolar, pero tendo sempre como obxectivo básico a construción do centro sanitario, polo que en ningún momento estamos ante un cambio de guión por parte da administración Autonómica, «senon ante a oportunidade de mellorar a cidade e a calidade de vida dos veciños do barrio» apuntou o Delegado.

Arias remarcou que a Xunta é a única Administración que está a impulsar o barrio nos últimos anos con proxectos de calado

O primeiro construíndo o CEIP Sagrado Corazón, un colexio de vangarda que supuxo un investimento de máis de 4,2 millóns de euros, e agora co novo centro de saúde proxectado, pero neste caso cunha mirada máis ampla querendo facer cidade, na liña da intervención realizada no barrio da Residencia», indica o delegado.

Arias urxe ao Concello a que materialice a entrega dos terreos necesarios para o centro de saúde, polos que a Consellería leva tres anos agardando.

O delegado sinala que «Desde o primeiro momento dixemos que son indispensables algo máis de 1.500 metros cadrados, libres de cargas, para a construción do centro de saúde, pero si estas melloras que propoñemos implican dúbidas ou demoran a cesión, solicitamos novamente que nos faciliten parte da parcela ou outra en calquera outra zona do barrio que consideren oportuna».

Arias rematou sinalando que «se vostede como alcaldesa entende que ten outro proxecto para este barrio, instámoslle a expoñelo xa, porque a Xunta seguirá axudando a facer cidade, pero o que non podemos é atrasar mais a construción do novo centro de saúde tan necesario para o barrio do Sagrado Corazón».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios