O Concello de Tomiño quere trasladar os seus parabéns ao deportista tomiñés Manu Ochoa, que acaba de ser elixido pola Comisión Técnica da Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) para representar a España nos próximos Xogos Olímpicos de París 2024 na modalidade de caiac cross. Unha noticia histórica que converte ao piragüista do Club Deportivo Miño no primeiro deportista olímpico de Tomiño.
Manu Ochoa deu un paso adiante para conseguir a súa participación tras a súa brillante vitoria na segunda Copa do Mundo de Caiac Cross celebrada a pasada semana en Praga, na que o tomiñés gañaba a primeira medalla de ouro para España nesta nova modalidade e conseguía unha praza olímpica para o combinado estatal.
Tras os bos resultados obtidos esta fin de semana na 3º Copa do Mundo de Caiac Cross en Cracovia a Real Federación Española de Piragüismo otorgou a Manu Ochoa a quinta e última praza dispoñible para participar nas Olimpiadas.
A alcaldesa, Sandra González, destacou a importancia deste logro e quixo trasladar os seus parabéns ao deportista tomiñés. “Estamos tremendamente orgullosos e orgullosas de Manu Ochoa. A súa dedicación, esforzo e talento lévano agora ao escenario máis importante do deporte mundial. É un exemplo a seguir para todos os nosos mozos e mozas”.
O teixugo fixo historia en Praga ao gañar a primeira medalla de ouro para España nesta nova modalidade e unha praza olímpica para o combinado estatal.