O vindeiro xoves 20 de xuño a partir das 19.00 horas a rúa Quiroga Ballesteros acollerá os concertos que porán o broche final a este curso
A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou as actuacións do Festival de Fin de Curso 2023/24 da Escola de Música Municipal de Lugo. A festa terá lugar o xoves 20 de xuño a partir das 19.00 horas na rúa Quiroga Ballesteros, e contará coa participación de todas as aulas que conforman a ESMU. En caso de choiva, o festival trasladarase ao Mercado Municipal.
A Banda da Escola, a Big Band, a Aula de Metais Graves, o Grupo de Saxofóns, o Grupo de Clarinetes, o Combo de Linguaxe Musical e o Grupo Tradicional serán os encargados de encher de música e talento a tarde do vindeiro xoves. Esta diversidade de grupos e instrumentos, explica Maite Ferreiro, «permite ofrecer a todo o alumnado unha educación musical completa e variada, ao mesmo tempo que exploran e fomentan a súa creatividade e compañeirismo entre idades».
A concelleira de Cultura lembrou tamén o compromiso do Goberno Municipal coa educación musical da cidadanía lucense e falou do material que cada ano se ofrece de xeito gratuíto grazas ao banco de instrumentos. «O fácil acceso aos materiais garante que todas as persoas poidan entrar no mundo da Música independentemente do seu poder adquisitivo», concluíu Ferreiro.