Rubén Arroxo comparou o resultado do barrio da Residencia, onde se deixaron dous metros do antigo muro apuntalados xunto cunha serie de conexións eléctricas co novo auditorio, «unha infraestructura que a Xunta deixou a medias e que agora está supoñendo un sobrecusto económico e administrativo ao Concello para conseguir poñelo en marcha»
O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, criticou a postura da Xunta de Galiza a respecto do muro apuntalado tras a renovación da contorna da Residencia. Arroxo afirmou que «a Xunta sempre segue o mesmo proceso, planifican mal as obras e despois reclaman ao Concello que rematen os traballos que deixan a medias». A solución adoptada no barrio da Residencia, deixando un fragmento de 2 metros do muro do antigo hospital con conexións eléctricas é comparable, segundo explicou Rubén Arroxo «ao acontecido co novo auditorio, a Xunta deixou a medias o equipamento da estrutura, supoñendo un sobrecusto tanto económico como administrativo para o Concello».
Rubén Arroxo afirmou que «mentres desde o goberno de Lugo traballamos para mellorar a cidade, tamén no eido estético, a Xunta demostra que non lle preocupa a cidade de Lugo, permitindo este tipo de solucións que empeoran a imaxe da cidade». Arroxo reclamou á Xunta que mellore a planificación das obras «completándoas e non deixando anacos para que amañen outras institucións».
Malia que hai cadros eléctricos que son titularidade do Concello, o Concello é afectado polas obras que executa a Xunta, polo que é responsabilidade deles como promotores da renovación da contorna da Residencia a execución dunha solución máis estética. Arroxo afirmou que «isto é algo habitual nas obras, tanto de particulares como de outras administracións que afectan ás instalacións municipais, non entendemos a postura da Xunta de botar balóns fóra».
O portavoz do BNG lembrou á Xunta os compromisos que ten pendentes con Lugo, «como a renovación integral do barrio da Tinería, paralizada desde o ano 2009, ou a oportunidade de mellorar a dispoñibilidade de estacionamento na contorna do centro da cidade abrindo os aparcadoiros dos edificios públicos titularidade da Xunta».