A través das reseñas de millóns de viaxeiros, un 10% dos aloxamentos, restaurantes, experiencias e destinos do mundo reciben anualmente esta distinción
Por terceiro ano consecutivo Guido Guía, Eurostars Gran Hotel, Muralla Romana e Catedral de Santa María repiten o recoñecemento Travelers Choice na cidade de Lugo. O Mercure Centro estréase neste 2024 e a Praza Maior perde o recoñecemento que si tivo no pasado 2023.
A plataforma internacional TripAdvisor, unha das máis utilizadas polos viaxeiros a nivel mundial, recoñece cada ano co Travelers Choice (anteriormente Certificado de Excelencia) a selectos aloxamentos, atraccións e servizos turísticos do mundo que amosan constantemente un compromiso coa excelencia e coa hospitalidade. Cada ano aproximadamente o 10% das empresas e recursos turísticos internacionais reciben este premio que os distingue entre os preferidos de todo o planeta.
Na cidade de Lugo foron recoñecidos, igual que no 2023, o proxecto Guido Guía, a Muralla Romana, a Catedral e o Eurostars Gran Hotel con cinco e catro burbullas e media respectivamente. Este ano foi tamén recoñecido o hotel Mercure Centro con outras catro burbullas e media.
TripAdvisor utiliza un algoritmo patentado para determinar as homenaxeadas e homenaxeados de Travelers Choice. Ten en conta a calidade, cantidade e actualidade das críticas e opinións enviadas polas viaxeiras e viaxeiros en TripAdvisor durante un período de 12 meses, así como a tendencia e clasificación no índice de popularidade do lugar.
Para ser recoñecido para Travelers Choice, unha empresa ou destino debe manter unha clasificación xeral de burbullas de TripAdvisor de cando menos catro de cinco, ter un número mínimo de opinións, e debe ter estado en TripAdvisor como mínimo 12 meses.