Buenismo. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Nico Williams e Yamine Lamal están a ser as dúas estrelas da selección española na Eurocopa alemana, e para ben e para mal, erguen paixóns pero tamén estereotipos, xenofobia e un buenismo desfrazado de aceptación que, sen embargo, deixa espido un subconsciente no que aínda está arraigado que un negro non pode ser totalmente español. 

E iso, en toda a súa extensión, acabamos de lelo nunhas declaracións de Vicente del Bosque a un medio de comunicación, falando de dous «inmigrantes» que fan moito ben á selección. Williams naceu en Pamplona e Lamal, en Esplugues de Llobregat, teñen os mesmos dereitos que calquera español con oito apelidos vascos, cataláns ou galegos. Son de aquí, aínda que non sexan brancos. Españois de primeira xeración nas súas familias e parte dunha multiculturalidade que dá conta do progreso e avance dun país como España, ata non hai tanto exportador e non receptor de familias na procura dun mundo mellor e desde diversas partes do mundo. Se cada vez que os queres ensalzar tes que recorrer a súa orixe, é porque non os consideras iguais a ti, ou porque pensas que son moi bos e teñen que xogar, pero que esa non é a verdadeira España ca que sentirse representado. Que habelos, hainos. Abonda dar unha ollada polas redes sociais e ler a ofendidos patriotas indignados porque dous negros vistan «La Roja». 

As declaracións de Vicente del Bosque son o pailanismo personificado, ese perdoar a vida ao que consideran diferente aceptando e permitindo que vivan coma nós, pero sen deixar de sinalar a propia superioridade en canto hai ocasión. A condescendencia tamén é racismo. E dana na mesma medida cando se abre a boca para que dela saia un rancio buenismo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario