A UDC ofrece para o curso 24/25 un total de 3.285 prazas nun total de 54 titulacións
O alumnado admitido en cada unha das titulacións de grao da Universidade da Coruña poderá formalizar a súa matrícula desde mañá e ata o xoves 11 de xullo, no primeiro chamamento, tal e como recolle o calendario de matriculación do curso 24/25.
Para o vindeiro curso académico, a UDC ofertará un total de 3.285 prazas de grao para o novo alumnado, nun total de 54 graos.
Unha oferta que abrangue títulos de todas as áreas de coñecemento. A UDC vén realizando desde hai varios anos un proceso de actualización e incorporación de novas titulacións para facelas máis atractivas e próximas ás necesidades do mercado laboral. Froito deste proceso, a UDC ofrece dous graos bilingües en inglés, Xestión Industrial da Moda e Relacións Internacionais; oito graos coa opción de cursar diversas materias en inglés, ADE, Enxeñaría Informática, Bioloxía, Arquitectura, Dereito, Relacións Internacionais, Química e Economía; un grao con formación dual, Enxeñaría Eléctrica, coa realización dun curso nunha empresa; un grao online, Turismo; dous graos abertos, Enxeñaría Industrial e Ciencias Sociais e Xurídicas, nos que o alumnado ten no primeiro curso materias de diversas titulacións para o segundo ano elixir seguir coa carreira que máis lle guste. Ademais, a UDC ofrece sete dobres graos e catro dobres graos con universidades estranxeiras de referencia, ADE, Dereito, Enxeñaría Informática e Inglés.
Prazos de matrícula
Tal e como se detalla no calendario de matrícula 24/25, entre o 10 e 11 de xullo formalizarase o procedemento na primeira quenda, ao que lle seguirán os seguintes coas vacantes que vaian quedando en cada un dos chamamentos.
Toda a información está en https://www.udc.es/es/futuros_estudantes/graos/admision/index.html#matricula
Procedemento de bonificación de matrícula
No día de hoxe, coincidindo co inicio do proceso de matrícula, o reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto con secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, revisaron, a modo de simulacro, o sistema de matrícula que este ano recollerá a gratuidade para todo o alumnado de novo ingreso, que obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos universitarios en Galicia.
Para iso, o estudantado deberá cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos, organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), ou ter superado un ciclo formativo de grao superior no curso 2024.