O portavoz da Executiva do PSdeG Julio Torrado criticou hoxe que a Xunta volvera rexeitar esta semana no Parlamento a gratuidade dos libros de texto para as nenas e os nenos que cursan estudos obrigatorios. O conselleiro de Educación opúxose a unha proposta do Grupo Socialista nese senso, alegando que non se pode aplicar o que cualificou de “café para todos”, xa que, ao seu xuízo, débese manter como un beneficio en función do nivel de renda das familias.
Torrado sinalou a “enorme contradición” na que cae o responsable da política educativa do Goberno galego, que se nega “sistemáticamente” a aceptar que o material escolar estea dispoñible de balde ao inicio do curso. “Non lle parecen café para todos os bonos e os cheques regalo que reparten antes das eleccións”, reprochoulle o voceiro socialista, para quen é evidente que no primeiro caso se trata de dereitos, que parecen non interesarlle ao PP, mentres que no segundo “son votos” que se tratan de gañar repartindo os anteditos bonos a discreción e a todas as persoas que os soliciten, sen distinguir neste caso por niveis de renda.
“Ese é o mesmo Goberno galego que, cando Feijoo chama a asinar unha ABAU única en toda España, que prexudica a Galicia e que fai menos importante o noso idioma, a nosa cultura e a nosa identidade, vai correndo o conselleiro a Salamanca a firmar”, censurou.
Pero ao contrario, “cando hai que reunir aos conselleiros de toda España para falar de inmigración”, a conselleira de Política Social asiste á xuntanza “por videoconferencia e con certo desprezo”, lembrou Julio Torrado sobre acontecido na conferencia sectorial do pasado mércores na que se decidía sobre a solidariedade das comunidades autónomas para mellorar a situación dos menores migrantes que chegan, sobre todo, ás Canarias.
Para o portavoz da Executiva, tamén son patentes neste asunto as contradicións dos populares, que “cando os inmigrantes teñen fillos que marcan goles coa selección, ou son xente con moitos cartos, apláudenlles”. Pola contra, “se non teñen cartos ou os seus fillos non nos dan tantas alegrías, o señor Tellado sae a dicir que hai que mandarlles á Armada para que os devolvan á casa”, reprochou sobre as declaracións do portavoz parlamentario do PP, que hai uns días pedía o despregamento de barcos de guerra para impedir a salida de caiucos dende as costas africanas.
Torrado subliñou que todas esas contradicións son en realidade “unha ideoloxía” que se traduce en “darlles privilexios aos que xa teñen privilexios, de comprar vontades e de quitarlles dereitos a quen máis o necesitan”.