En concreto trátase dos concellos de Amoeiro, Coles, Gomesende, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, Ramirás, San Cibrao das Viñas, Vilamarín e Xunqueira de Espadanedo, que forman parte da Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense (Adercou).
Esta axuda financia a contratación da subministración centralizada de electricidade a través da Central de Contratación de Adercou. Contempla, en primeiro lugar, a instalación de paneis fotovoltaicos nas dependencias dos dez concellos adheridos, cunha potencia de 1,13 MWp que xerarán uns 1.285 MWh, equivalente ao 13% do seu consumo de electricidade.
Ademais, en sete dos municipios, prevese adaptar as caldeiras de gasóleo con sistemas de bombas de calor aerotérmicas. E, xunto con isto, as axudas tamén cobren a instalación dun punto de recarga e a compra dun vehículo eléctrico.
O investimento previsto para esta actuación supera os 177.000 euros e a axuda outorgada é de máis de 122.500 euros.
Poden acollerse a este acordo marco calquera entidade local pertencente á provincia de Ourense, así como os seus entes dependentes, co único requisito de adherirse á Central de Contratación a través do convenio vixente.
O obxectivo é reducir a factura eléctrica das entidades adheridas, no marco dunha política de fomento do autoconsumo enerxético tanto en empresas como na administración pública que a Xunta está a desenvolver a través do Inega.