Destaca especialmente o bo comportamento do turismo internacional, cuxa demanda continúa a crecer e tipoloxías como o turismo rural, que medra un 6% en viaxeiros
No primeiro semestre do ano, Galicia rexistrou máis de 2,8 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos de aloxamento, o que supón un incremento de 2,4%. Así se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que constata que preto do 80% da demanda turística nesta primeira parte do ano se corresponde cos hoteis e pensións.
No resto de tipoloxías de aloxamento, destaca o bo comportamento que está a ter o turismo rural, con máis e 77.000 viaxeiros que fixeron máis de 120.000 noites, o que supón incrementos o 6% e de case do 2% respectivamente neste semestre do ano.
Por mercados, Galicia volve constatar a súa internacionalización como destino. O 36% da demanda turística foi de viaxeiros estranxeiros, un segmento que está a medrar neste caso preto dun 7% no primeiro semestre do ano.
Estes datos veñen acompañados por un impulso económico ao sector hoteleiro. De feito, estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de 157,7 millóns de euros no conxunto dos primeiros seis meses do ano, cifra que supera o dato do pasado ano -nun 8,7%-. Marca, con isto, a cifra máis elevada da serie histórica.
No referido só ao mes de xuño, rexistráronse algo máis de 750.000 viaxeiros aloxados, que fixeron algo máis de 1,2 millóns de noites. Deles máis de medio millón de persoas se aloxaron en hoteis e pensións e tamén a demanda internacional medrou preto dun 2%.