O BNG acompaña á veciñanza de Nadela ante un novo intento de peche do centro de Saúde por parte da Xunta

por Redacción Lugo

Arroxo afirmou que a situación de Nadela «responde á estratexia do PP de desmantelar a sanidade pública».

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo,participou na entrega de sinaturas da Nadela en contra do novo intento da Xunta de Galiza de pechar o Centro de Saúde. Arroxo afirmou que «é preciso que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas», e engadiu «a Xunta en vez de aportar solucións está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade».

Beatriz Jato, portavoz da plataforma en defensa do centro de saúde de Nadela, afirmou qeu «levamos nunha situación de abandono moitos anos, cada vez con menos días de atención no centro de saúde». Jato afirmou 
que «moitas veces temos que agardar máis dunha semana ata poder recibir unha consulta no Centro de Saúde de Fingoi, o que obriga a moita xente a acudir a urxencias».

O BNG leva anos traballando xunto coas veciñas e veciños de Nadela para evitar o peche do centro de saúde, trasladando a problemática ás distintas institucións onde ten representación, e apoiando as 
mobilizacións organizadas pola veciñanza. Na xornada de hoxe, entregáronse preto dun milleiro de sinaturas reclamando á Xunta de Galiza que manteña a atención primaria neste centro, defendendo que as 
veciñas e veciños non pode decidir que día enferman. Rubén Arroxo defendeu que «a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está 
pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta».

Para Rubén Arroxo, «non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario». O BNG apoiou ás
veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en 
reclamación dun servizo de atención primaria digno. «Ano tras ano as veciñas e veciños de Nadela chegan ao verán sen saber se volverán contar con atención no seu centro de Saúde ou se a Xunta do PP vai deixar de 
prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro», afirmou Rubén Arroxo.

O BNG critica que a Xunta de Galiza pretende pechar o centro «nun proceso de desmantelamento da sanidade pública», e defende o dereito da veciñanza a poder asistir ao seu médico cando o precise.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario