Sei que non é criterio arraigado o facer un recoñecemento público do labor das forzas e corpos de seguridade do Estado e, nomeadamente, do noso benestar, feito que acostumamos a deixalo incluído nas súas obrigas. Pero chega un día que por un acontecemento duro ou, incluso, tráxico, circunstancia vivida polo que está a escribir estas liñas. Un día chegas ao teu fogar e atópalo coma se entrara o cabalo de Atila, pois os amigos do alleo entraran facer a súa feitoría. A alma cáeche aos pés, non sabes que facer, o desacougo é absoluto; chamas, neste caso, á Garda Civil, chegaron axiña, e aí comeza un novo capítulo e, se cadra, tamén un novo concepto, ou alomenos renovado, pois decátaste e tomas conciencia da utilidade do seu traballo, unha especie de anxos custodios que están aí para axudarche.
Vaia, pois, o noso recoñecemento e gratitude polo seu eficaz e riguroso labor profesional e exquisito trato humano do que fomos obxecto, feito que ennobrece e engrandece a este importante servizo público que, malia á manifesta limitación dos seus recursos humanos, optimizados en grao sumo nesta e noutras accións, cuxo resultado foi a detención desta banda criminal organizada, coa corrrepondente acumulación de probas determinantes da autoría dos feitos delictivos que se lles imputan, un inxente traballo levado a termo por un reducido grupo da Comandancia da Garda Civil de Lugo. Agora é a hora da xustiza, confiemos nela.
Cando vemos unha operación desta magnitude, o que máis nos chama a atención é a suma dos feitos delictivos, os métodos empregados, os bens substraídos e os seus autores. Mais hai outro ben superior gravemente afectado que regularmente non se menciona ou que pasa a segundo plano, o dano moral e psicolóxico das víctimas, feito que a xustiza debe ponderar adecuadamente. Sobre este teor, cómpre considerar que a vivenda violentada é o templo sagrado dunha familia, onde se gardan na intimidade os tesouros máis prezados, as persoas que a habitan e a súa vida, os seus recordos e tamén os seus soños. Pero hai incluso outro compoñente máis grave, a sensación de vulnerabilidade, inseguridade e medo. Un estado emocional non desexable para ningún ser humano e, moito menos, para persoas maiores, nenos e nenas, pois o seu dano pode ser irreversible.
Cando isto sucede, o teu estado emocional é de turbulencia, do que aínda quedan secuelas sen superar. Viñéronme á lembranza feitos de cando era neno e ía co meu irmán maior pola aldea na procura de niños de paxaro; cando atopabamos o botín eu quería apalpalo, e o meu irmán decíame, non o toques, porque se o fas o paxaro anoxa o niño. Esa é a sensación que agora sentes no teu fogar, no teu niño, tocado, violentado e anoxado.
Pregúntome se os autores destes feitos son conscientes do dano que producen as súas accións? Coido que non, pois o seu código moral está obturado dende o intre que, polos motivos que sexan, un día decidiron entrar nese túnel escuro do mal. Mais esta víctima non pide venganza, senón xustiza e, a poder ser, rehabilitadora, difícil e importante aspiración do noso sistema penitenciario, na esperanza de que un día, esas persoas podan sair do túnel da escuridade e incorporarse ao camiño de respecto e convivencia entre os seres humanos. Un camiño que está aberto, non perdades a oportunidade.
Polo que estamos a ver e comprobar, o medio rural é obxectivo sensible da delincuencia organizada e tamén da menos organizada; a falla de efectivos de seguridade é a nota dominante neste eido vulnerable e vulnerado. Unha asignatura pendente do noso chamado estado do benestar. Nesta situación de feito, resulta paradóxico o cacarexado obxectivo invocado polas Administracións públicas, apelando á fixación de poboación no medio rural, que se baleira a marchas accidentadas, ao tempo que amosan a súa incapacidade a implementar medidas básicas e efectivas que garantan a seguridade e o benestar das persoas que aínda vivimos neste eido, feito que sería un factor de estímulo para o inmenso potencial que acubilla a parte máis extensa do noso territorio. Abordemos en serio este reto.