Rematou o ano adicado a Castelao. Por Xosé Edrosa Leal

Presidente do Ateneo Galeguista-A Terra Cha

Rematou o ano adicado a Castelao, figura histórica que a priori xenera un maior consenso na clase política galega. Para os máis devotos, o guieiro e pai da patria; e para outros, un símbolo que está na tradición deste país. Un consenso un tanto paradóxico que en ningún caso opera na conciencia e compromiso de dita clase política, inspirada no ideal galeguista, reflictido na abondosa obra do autor de “ Sempre en Galiza “ e, moito menos, no exemplo e compromiso asumido ata as últimas consecuencias por él e por outros galeguistas inmolados na causa do ideal da Galiza que defendían. Todo o que ollamos, pois, institucionalmente neste ANO DE CASTELAO, agás algúns actos académicos, conferencias e documentais, salientando os traballos realizados polo cineasta galego-arxentino Xan Leira, foi, unha vez máis, a expresión dun culto baleiro de contido, a representación dun mito para sinalados días de festa e lucimento de paxelos de engalano. Así foi, a exaltación dun patrimonio inmaterial de todas as galegas e galegos, unha maneira de non ser de ninguén.

 O día 15 de novembro de 2024, asistíamos ao acto nocturno celebrado na solemne Sá dos Reis do Pazo do Hórreo, sé do Parlamento Galego, co gallo de celebrar o recoñecemento institucional a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como primeiro presidente do Consello de Galiza, recoñecemento xa acreditado dende facía oitenta anos, tanto pola realidade fáctica como pola propia historia. Unha solemnidade de tapadelo que nin os medios de comunicación foron convidados. Alí estaba o presidente da institución, Miguel Ángel Santalices, co seu xesto amable e bonachón que o caracteriza, e que se declara devoto do galeguismo, como si estivera impartindo unha bendición urbi et orbi aos alí congregados, unha representación de todos os grupos que integran a soberanía relativa da Nazón de Breogán, e outros convidados que nos achegamos a aquela cerimonia nocturna.

 Como era de agardar, os intervintes de cada unha das forzas políticas representadas na Cámara galega patrimonializaron ao homenaxeado como algo de seu. Entre os convidados para axudar a vestir o santo, non faltaron outras figuras da cultura e do galeguismo simbólico,  que foron colocando a Castelao no lugar da historia do que é sobradamente merecente.

 Na quenda de intervencións cómpre subliñar o brillante discurso do doutor Manuel X. Suárez García, presidente do histórico PARTIDO GALEGUISTA (PG), formación política fundada en 1931, constituída nun proxecto común que integraba  a liña de pensamento máis xenuino, dende os Precursores, as Irmandades da Fala e outras correntes intelectuais e organizativas que vertebraron aquel proxecto prometedor; un proxecto que ía ter unha efémera vida, pois tan só con cinco anos, por obra e desgraza do golpe militar facineroso de 1936 contra o Estado lexítimo da II República Española, deixou de existir orgánicamente aquí na terra; e os seus principais dirixentes que puideron facelo, non tiveron outra opción que coller a rota do desterro, especialmente cara a Latinoamérica, onde loitaron por manter vivo aquel ideal da Galiza democrática e da liberdade, pola que loitaron e arriscaron as súas vidas. Sen aquelas figuras do desterro, resultaría imposible explicar hoxe a historia do galeguismo, moitas veces enfrontado nas súas estratexias co que sobrevivía no interior do país. Por iso, na súa intervención, o doutor Suárez fixo unha exhaustiva reivindicación da historia e dos valores que encarnou o PG; unha mensaxe na que enfatizou o pensamento da figura sobranceira dun Castelao vivo para a Galiza de hoxe. Ante aquela mensaxe, algún dos alí presentes quixemos entender que se trataba dun chamamento á refundación do vello PG, o que tantas esperanzas espertou naquel primeiro e convulso lustro dos anos trinta do pasado século, ao que endexamais Galiza e as galegas e galegos deberíamos renunciar, por razón política, dignidade e xustiza histórica.

 Namentres todo isto sucedía na capital de Galiza, alén mar, Francisco López “Chesqui”, persoeiro que mantivo viva aquí na terra a chama do PG nos últimos anos, xunto cos irmáns de Bos  Aires, e coa adhesión sempre voluntariosa dos residentes galegos en Montevideo, conmemoraban esta efeméride histórica ao cumprirse os 80 anos da fundación do  Consello de Galiza, dada en Uruguay o 15 de novembro de 1944, e constituído formalmente en Bos Aires o 8 de decembro do mesmo ano, nomeando como primeiro presidente a Castelao.

 Malia a varios intentos fallidos durante o período democrático e, incluso con anterioridade, a reconstrución efectiva do PG non foi posible ata o de agora, unha eiva que, sen dúbida, lastrou moitas espectativas e esperanzas para o desenrolo político, económico e social do noso país, tal como o teñen feito Catalunya e Euskadi (as que outrora xunto con Galiza constituíron a fraternal alianza GALEUZCA) que reanudaron o seu tracto sucesivo nas figuras do nacionalismo e  continuadoras do acervo democrático e institucional anterior á incívil guerra. Namentres Galiza ficaba subsidiaria e supeditada a forzas políticas alleas que non tiñan o seu centro de decisión no noso país. E daquel pó, viñeron as posteriores lamas, con aldraxes inferidas en moitos eidos, algún deles subliñados polo profesor Meilán Gil.

 Cecais o máis salientábel en termos políticos  ao longo do ano adicado a Castelao, foi o feito de ter escoitado algunhas voces autorizadas, incluso a celebración de xuntanzas colectivas para a análise na procura da conveniencia e oportunidade para o país que suporía ao día de hoxe a refundación do proxecto galeguista, baixo as siglas e ideario actualizado que impulsou no seu día o PG. Unha aspiración integradora centrada nos grandes retos do país, tal como o teñen feito os nosos devanceiros para o seu tempo. Un proxecto dirixido a todas aquelas e aqueles que non se conforman co statu quo no que o pobo galego leva instalado máis de catro décadas, e aínda moi lonxe de acadar os obxectivos  de progreso, benestar, cohesión social  e territorial que sempre defendeu o galeguismo, e do que son merecentes toda a cidadanía que vive e traballa nesta terra. Por iso, resultan, cando menos, sorprendentes, as recentes palabras do señor Rueda, cando nos di, en verbas de Castelao “ non poñades tachas á obra mentres non se remata”. Vaia esperanza que nos dá, señor Presidente, despois de corenta anos de gobernos conservadores, con maiorías absolutas, e a obra sen rematar. Quen lle ceibou tal sutileza, non se decatou deste detalle.

 Malia ao que deixo dito, o que seguramente máis chamou a atención ao observador ao longo do ano de Castelao, foi ver como inzaban as declaracións de herdeiros da súa obra. Persoiros e grupos que pola súa praxe política e persoal, moitos deles, estarían en causa de ser desherdados. A este concurso de dereito a bens e valores, como era de agardar, non faltou PPdeG, manifestándose lexítimo sucesor de Castelao e do galeguismo. A tales efectos, o señor Rueda ilustrounos sucintamente sobre os títulos e  principios acreedores de tal dereito. A súa teoría  sobre o devandito dereito, vai en ringleira dende Alfredo Brañas ata o rianxeiro, mesturando rexionalistas e galeguistas. Unha maneira sutil para xustificar a crenza rexionalista coa que se identifica o PPdeG, pois non hai que esquecer que os da gaivota son os que promoveron e dirixen a Fundación de Alfredo Brañas. Sobre este teor, cómpre introducir algunas matizacións esenciais entre os postulados ideolóxicos do rexionalismo de Brañas e o galeguismo. Se ben é certo que o galeguismo valorou no seu día moi positivamente o esforzo de Brañas na denuncia do centralismo, aínda que sen participar de varios ds seus presupostos, xa que o seu rexionalismo partía dunha concepción non democrática da sociedade. Para o carballés a auténtica representación política non estaba nos partidos políticos senón nas unidades orgánicas naturais como a familia, a comarca e os gremios. Unha forma regresiva de entender a representación política, máis acorde coa democracia orgánica que cos postulados democráticos do seu tempo (o da Restauración). Nembargante, o galeguismo pertence en termos políticos á tradición liberal-progresista, o que comeza con Antolín Faraldo, segue coas Irmandades da Fala, reafirmándose na II República na que converxe o PG. Existen, obviamente, outros fitos históricos, o Banquete de Conxo é un deles.

 A historia non se inventa, pode adaptarse e tamén terxiversarse pero deixa de ser historia. Unha cuestión que o señor Rueda e a señora Prado deberían coñecer antes de declarar ao seu partido herdeiro do galeguismo; unha organización política que nin no seu pensamento, tradición e historia, se atopan vínculos que acrediten tal afirmación; cuestión distinta é que dentro do PPdeG existan persoas que participan dese sentimento, pois os sentimentos son persoais e cada quen administra os seus. Os antecedentes históricos, políticos e filosóficos do galeguismo, veñen, pois, por eidos que nada teñen que ver co PPdeG, organización que é parte integrante do PP, sometida á súa estrutura e estratexia partidaria a nivel do Estado. É máis, o PPdeG cada vez está máis alonxado de poder reclamar calquer relación co galeguismo, habida conta do que está a facer o seu partido a nivel estatal, pactando programas e gobernos coa extrema dereita de VOX, unha organización política que, de chegar ao poder, aboliría as propias CC AA para converternos nun Estado centralista e autoritario. Mais non queda só aí o seu esperpéntico sistema de entender a vida e o mundo, debuxado baixo o imperio de Donald Trump, pois VOX defende e promove o máis inxusto e regresivo dos modelos económicos e de sociedade, simbolizado na “motoserra” de Milei, o que baixo a éxeda da “libertad carajo”, o que en palabras de Joseph E. Stiglitz, nobel de economía, significa “A liberdade para os lobos; morte para as ovellas”. E para conquerir tal obxectivo, subverter toda norma de Dereito Internacional, poñendo en perigo a paz e a seguridade no mundo, un escenario de caos e destrución, cun só obxetivo: o negocio da guerra. Os seus abandeirados en España, Vox, cos que non estoxa pactar o PP e, dado o caso, tamén o faría na Galiza de Castelao.    

Comparte éste artículo
No hay comentarios