ERGUER tiña intención de presentar unha ampla batería de cuestións dirixidas ao Concello e á Xunta de Galiza sobre todas as etapas educativas, mais a súa participación quedou truncada pola expulsión do seu responsábel de zona durante a sesión.
Entre os asuntos que a organización pretendía poñer enriba da mesa destacaba, no ámbito universitario, a demanda dunha Facultade de Enfermaría propia para Lugo, respaldada pola recollida de máis de 2.500 sinaturas.
Tamén se pretendía abordar a eliminación do transporte público gratuíto para actividades dos centros educativos, as deficiencias nas actividades extraescolares tras a rescisión do contrato coa empresa xestora, e a falta de instalacións deportivas e de apertura de espazos escolares fóra do horario lectivo.
No eido da FP e das prácticas formativas, ERGUER tiña previsto denunciar as condicións en centros municipais e reclamar garantías para prácticas dignas. Así mesmo, poñíase o foco na escaseza de prazas en residencias estudantís e na súa relación cun transporte interurbano insuficiente, que dificulta seriamente a mobilidade do estudantado.
Por último, a organización pretendía cuestionar a xestión das obras no IES Lucus Augusti pola falta de transparencia e participación, así como decisións municipais como a eliminación da Área de Promoción da Lingua e a retirada da bandeira de Palestina do Vello Cárcere, que consideran unha mostra clara da orientación política do goberno local en materia de lingua e solidariedade internacional.
Desde ERGUER sinalan que este primeiro Consello Escolar Municipal co novo concelleiro evidencia unha deriva preocupante cara á limitación da participación estudantil e ao silenciamento de voces críticas dentro dos espazos de representación educativa.