Madrileños. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Agosto en pleno apoxeo e, con el, o turista mesetario tan propio destas datas desfrutando das praias, do verde e da manta na cama polas noites, verdadeiros luxos imposibles de atopar neses lugares de liberdade infinita e asfalto do que veñen. Son xa moitos anos de coexistencia, non sempre grata pero nunca como agora esposta á crítica e ao rexeitamento sen complexos, baseándose sobre todo nese urbanita molesto por escoitar falar noutra cousa que non sexa castelán, ou mesmo polos animais que non respectan o seu nobre descanso en plena Natureza. Que parece broma, pero en Asturias multaran a un granxeiro polos decibelios da súa tenreira, que perturbaba o sono do visitante foráneo que foi denunciar tal atentado.

O do bar de Oleiros que pecha nesta ponte saturados de «fodechinchos» vén de alporizar aos casteláns que, nos visiten ou non, consideran que debemos sentirnos afortunados de que nos regalen a súa presenza e invirtan no noso benestar cada vez que piden unha de chipiróns para catro. Por suposto que xeralizar é absurdo, como tamén o é darse por aludido cando es desa xente que chega a un lugar sen pretender que todo sexa igual que na súa casa, porque agardar que onde vaias teñan necesariamente a túa língua ou costumes, é de non informarse ben antes de elixir destino. A hostalaría é un servizo moi importante na economía galega, aínda sen unha folla de ruta que a faga apetecible e conciliable, xustamente pola carga de traballo que implica o incremento de visitantes en todo o país, e pretender que os seus traballadores sexan pouco menos que súbditos dunha «realeza» que vén salvarnos a vida, quizais non faga tan estraña a reacción dos hostaleiros de Mera. Porque aínda que pareza un despropósito, non sería a primeira vez que perdendo….Gáñase. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario