As festas nos barrios chegan mañá ao Castrillón, con tres xornadas de celebracións e as actuacións de Gin Toni’s, Donaire e La Trova Coruñesa

por Redacción A Coruña

O tradicional concurso de tortillas, que chega este ano á súa XV edición, terá lugar este xoves 22 ás 18.30 horas.

barrio do Castrillón vestirase de gala a partir deste mércores 21, co inicio das súas festas, que se prolongarán ata este venres e que incluirán un amplo abano de concertos e actividades para todos os públicos e idades.

Como xa é habitual, o núcleo dos festexos será a praza de Pablo Iglesias, a carón do centro cívico, onde a polifónica coruñesa Canticorum abrirá mañá a programación, ás 20.30 horas, cunha actuación previa á lectura do pregón, que este ano levará a cabo a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa. Será ás 21.00 horas.

O peche da primeira xornada de festas correrá a cargo dos Gin Toni’s, banda que versiona clásicos da música nacional como Seguridad Social e que chega á Coruña inmersa na súa xira ’30 años soñando’, que os nas últimas semanas á Guarda, Monforte, Sarria, Ares e Quiroga, entre moitos máis concellos galegos. A súa actuación en Pablo Iglesias comezará ás 22.00 horas, con acceso de balde.

O tradicional concurso de tortillas, este xoves 22

O segundo día de festexos comezará con actividades para os máis pequenos. Ás 10.30 horas haberá unha festa infantil con inflables, seguida por unha festa da escuma ás 13.00 horas.

Xa pola tarde, ás 18.30 horas, terá lugar un clásico do calendario estival no barrio. O tradicional concurso de tortillas do Castrillón-Urbanización Soto chega á súa XV edición e abrirá boca con vistas ás actuacións da noite, coa Asociación Cultural Donaire (21.00 horas) e La Trova Coruñesa (22.00 horas).

No último día das festas, o venres 23, a programación da xornada arrancará novamente con propostas para o público familiar. Ás 11.00, un obradoiro de marcapáxinas e ás 11.30 horas un intercambio de libros infantís, xuvenís e para adultos.

Ao mediodía, Cascarillarte protagonizará o espectáculo teatral ‘Moby Dick’, ideado para as e os máis pequenos e aberto a toda a cidadanía. Será ás 12.00 horas.

Xa pola tarde, haberá unha sesión de xogos e deportes tradicionais na que o Concello contará coa colaboración do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA). Comezará ás 18.30 horas, como previa do peche final da festa. Será ás 23.00 horas deste venres, cunha gran verbena interpretada pola orquestra Marazul.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario