A Xunta destina 7,1 millóns de euros en 17 obradoiros de emprego na provincia de Lugo

por 21 Noticias

Unha parte do orzamento destinarase a incentivar a contratación das persoas participantes unha vez rematada a súa formación.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as iniciativas aprobadas implican a 46 concellos e están dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 340 persoas desempregadas. Entre os sectores aos que fan referencia estas accións -que se estenderán durante 9 meses- rexístranse os relativos á atención sociosanitaria, distintos aspectos da construción, o sector forestal ou de viveiros e xardíns, a limpeza, xestión de residuos, turismo, tratamento de datos e control de pragas.

Os obradoiros duais perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para o conxunto da sociedade.

Para acceder a estes programas, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

A Xunta de Galicia encargarase de financiar a formación profesional para o emprego, así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos cos participantes, que serán 20 por taller.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia destinou máis de 490 millóns de euros a case un milleiro de obradoiros duais, que se realizaron con preto de 21.000 participantes en toda Galicia.

OBRADOIROS NOTIFICADOS NA PROVINCIA DE LUGO

PROMOTORCONCELLOS ASOCIADOSDENOMINACIÓN
CervoBurela, XoveSendas de Burela, Cervo, Xove XI
RibadeoBarreirosConstrúe en verde
Ribas de SilQuiroga, Folgoso do CourelSillor XI
ChantadaCarballedo, TaboadaSerra do Faro IX
Monforte de Lemos….A Pinguela II
PantónSober, O SaviñaoRicra VIII
BóvedaO Incio, Pobra do BrollónBóveda, O Incio e A Pobra do Brollón
Castro de ReiCospeito, Outeiro de ReiCamiño da Chaira VIII
Ribeira de PiquínCastroverde, Pol, A Pastoriza, RiotortoO Castro X
VilalbaAbadínTerra Chá no Camiño V
BegonteFriol, RábadeCumes da Terra Chá VIII
Sarria….Sarria, Camiño de Santiago V
LáncaraSamos, ParadelaOs Soutos
Lugo….Salus Lugo
PortomarínMonterroso, Palas de ReiTerras do Miño-Ulla I
Pedrafita do CebreiroCervantes, Navia de Suarna e TriacastelaComarca de Ancares VII
BecerreáBaralla, As NogaisVía Künig VI
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario