A actividade ambiental convocada polo proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) para a eliminación de acacias no monte da Cruz do Avelán, na parroquia de San Xoán de Laíño (Dodro), congregou hoxe a preto dunha trintena de voluntarios e voluntarias, a pesar da persistente chuvia caída a primeira hora da mañá.
Como entidade participante no proxecto CAPRIF-CC, a Fundación Montescola foi a encargada de coordinar os traballos, que se centraron na eliminación dos rebrotes de acacia negra nunha zona na que a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Cruz do Avelán xa realizara tarefas de limpeza hai meses. O director da Fundación Montescola, Joám Evans, explicou que accións de voluntariado como esta axudarán aos comuneiros a ”recuperar un bosque de ribeira en toda a zona, que estaba totalmente invadida, para que sirva de cortalumes verde e de corredor de biodiversidade”.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto CAPRIF-CC, que se desenvolverá ata finais de 2025 en cinco zonas piloto de Galicia e Asturias caracterizadas por ser zonas rurais de alto valor natural ou áreas queimadas, sendo una delas o denominado Living Lab Barbanza-Ulla-Sar, que comprende os municipios de Dodro, Lousame, Padrón, Porto do Son e Rianxo. O obxectivo do proxecto CAPRIF-CC é amosar como é posible transformar os territorios, protexéndoos fronte ás ameazas e aumentando a súa resiliencia ante os incendios forestais e o cambio climático, poñendo ademais en valor os aproveitamentos multifuncionais do monte e confirmando a súa compatibilidade coa xeración de economía e emprego local.
Precisamente, unha das liñas estratéxicas de actuación do proxecto CAPRIF-CC consiste na creación de paisaxes biodiversos e resilientes a través de diferentes accións: eliminación de especies exóticas e invasoras, organización de xornadas de voluntariado ambiental,
restauración e mantemento de hábitats de especial interese de conservación, mellora paisaxística e recuperación de espazos de valor cultural e establecemento de áreas cortalumes multifuncionais ou verdes.
Próxima actividade de voluntariado en Padrón
A xornada de voluntariado ambiental celebrada hoxe en Dodro non será a única do proxecto CAPRIF-CC na Comarca de Sar, posto que para o sábado 7 de setembro está programada unha nova actividade de eliminación de acacias, tamén de 10.00 a 14.00 horas, no monte do Lapido, na parroquia padronesa de Carcacía. As persoas interesadas en inscribirse deberán enviar previamente un correo electrónico a info@montescola.org.
O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos Next GenerationEu.