A veciñanza de Pastoriza reclama ademáis o cambio do solo do miniparque infantil, a instalación de bancos na rúa Jacques Cousteau, e a instalación dunha marquesiña de bus na parada do número 55 da Travesía de Pastoriza.
O grupo municipal socialista de Arteixo insta ao goberno local a solucionar urxentemente o problema de alumeado público que presenta a rúa Félix Rodríguez de la Fuente en Pastoriza desde hai máis dun mes.
O portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, Martín Seco, denuncia que a veciñanza desa rúa de Pastoriza “leva máis dun mes sen alumeado público a pesar de que o goberno local é coñecedor desta situación que lles foi comunicada persoalmente aos concelleiros responsables”.
Os socialistas recollen tamén as queixas das persoas usuarias do miniparque infantil desa rúa que solicitan un cambio no solo “que ten unha parte de morrillo e outra de area que complican a súa accesibilidade”. Seco recorda que hai poucas datas unha persoa en cadeira de rodas quedara atascada alí.
Por outra banda solicitan a instalación dalgún banco onde poder sentarse nesta rúa e na Jacques Costeau, “xa que non hai ningún despois da renovación das rúas”.
MARQUESIÑAS
Os socialistas denunciaban hai poucos días o mal funcionamento do transporte público de Arteixo, que provoca longas esperas ante a falla de regularidade das liñas e o escaso servizo para o elevado número de usuarios.
O voceiro socialista sinala que “se temos en conta as condicións climatolóxicas que temos que vivir nos meses máis chuviosos é preciso a instalación de marquesiñas para protexer á veciñanza mentres agarda polo bus”.
Por elo os socialistas recollen a reclamación da veciñanza usuaria do servizo público de autobuses para que o goberno local instale unha marquesiña na Travesía de Pastoriza á altura do número 55, “un lugar onde existe un banco situado nas inmediacións da parada, pero que está agochado para a visión dos condutores dos buses que pasan de longo se non ven persoas esperando a súa chegada”.