A Policía Local de Lugo identifica os organizadores dunha festa nocturna sen autorización

por Redacción Lugo

Durante a noite do sábado día 17, despois de que a Sala do 092 recibise varias chamadas queixándose do ruído que procedía da zona do merendeiro do río Miño, adxacente ao Camiño de Vilar, dous efectivos do Grupo Operativo Nocturno trasladáronse ao lugar, onde puideron comprobar que un grupo de once persoas estaba a celebrar unha festa, na que a maioría dos asistentes, aparentemente, atopábanse afectados pola inxesta de bebidas alcohólicas ou algunha outra substancia.

Os axentes procederon a identificar a quen dixo ser o organizador do evento, confeccionando a correspondente acta-denuncia polos feitos observados, xa que, sen contar con ningún tipo de autorización, no lugar instaláronse os seguintes elementos que se ven na foto de portada:

– Unha mesa de mesturas (en funcionamento ata a chegada dos axentes).

– Varios altofalantes cun subwofer (en funcionamento ata a chegada dos axentes).

– Equipo de luces (en funcionamento ata a chegada dos axentes).

– Xerador de combustión (en funcionamento ata a chegada dos axentes).

– Tenda de campaña (instalada no medio do camiño e, por tanto, cortando o paso).

– Mesa con pratos, comida e bebida.

– Grella (aínda coas cinzas candescentes).

– Unha bombona de butano (á beira da grella).

– Batería de automóbil (na cal se conectaron cables para fornecer enerxía).

Tras valorar as molestias que estaban a causar, o risco de incendio motivado pola grella e a conexión da batería, o corte do acceso xerado pola tenda de campaña e a falta de autorización para levar a cabo tal actividade, os axentes ordenaron o cesamento inmediato da mesma, advertindo ao responsable que debería retirar todos os obxectos do lugar, que habería de quedar limpo e libre para a utilización de calquera cidadán.

A acta – denuncia confeccionada foi remitida á Xunta de Galicia, ao entender que constitúe infracción á lexislación galega sobre turismo, ademais de estar declarada como época de perigo alto de incendios forestais o período comprendido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro; así como á Confederación Hidrográfica Miño – Sil, polo enclave no que se atopa en merendeiro. O organizador da festa tamén foi denunciado por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, xa que, a pesar do requirimento policial, realizada unha comprobación ao día seguinte, todos os elementos continuaban instalados no mesmo lugar, debendo manter a presenza policial para que fosen retirados.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario