Adxudicadas en Chantada as obras en diferentes tramos da LU-P-1803, que une Camporramirocon Castro de Carballedo, e a LU-P-1818, que conecta os núcleos de Xedive e Vilaúxe; e en Friol as da LU-P-2104, que vertebra a parroquia de Xiá.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar este venres un investimento de máis de 372.000€ para mellorar a mobilidade e a seguridade no conxunto das estradas da provincia. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión semanal celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos.
No que ten que ver coas obras, en Chantada foron adxudicados os traballos para acondicionar diferentes tramos de dúas vías provinciais á empresa Construcciones Leonardo Miguélez, SL por algo máis de 100.000€. Son a LU-P-1803, que une Camporramiro con Castro de Carballedo por Vilaúxe, entre os quilómetros 1,3 e 4,2; e a LU-P-1818, que conecta os núcleos de Xedive e Vilaúxe.
En ambos casos, as obras consisten na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a reparación do firme, a pavimentación e a sinalización vertical. O prazo de execución é de menos de 2 meses.
En Friol foron adxudicados os traballos para acondicionar un tramo de máis de dous quilómetros da LU-P-2104, por un importe de máis de 62.000€, á empresa Cholo SL. As obras, que afectarán ao treito comprendido entre o inicio da vía e o punto quilométrico 2,7, consistirán na apertura de cunetas, reparación dos danos e repavimentación. O prazo de execución será de dous meses desde o inicio das obras.
“Esta é unha actuación importante para o concello de Friol porque esta estrada vertebra a parroquia de Xiá, conectando Portadornas e Lameiro”, valorou o Deputado.
Camión 4×4 con caixa basculante e quitaneves
A Xunta de Goberno aprobou ademais un investimento de preto de 210.000€ para contratar a adquisición dun camión 4×4 con caixa basculante e quitaneves para o parque móbil. O prazo de entrega será de 3 meses e o prazo mínimo de garantía en pezas e man de obra será de 3 anos.
Rivera Capón sinalou que “esta é unha dotación moi importante para todo o que ten que ver co noso compromiso de garantir a seguridade e a mobilidade polas vías provinciais, sobre todo no inverno”.
Servizo de mantemento de vehículos
Adxudicada tamén a contratación dun servizo de mantemento e reparación dos vehículos da Deputación de Lugo. A empresa adxudicataria é Rodi Galicia SL e o importe da adxudicación é de 22.990€. O prazo de duración do contrato é por un ano, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais.
Lugo Termal
Ademais, a Xunta de Goberno sacou adiante o programa dunha nova edición de Lugo Termal para as anualidade 2024-2025 por un importe conxunto que supera os 120.000€. “Trátase dun dos primeiros pasos para a posta en marcha deste programa de termalismo da Deputación de Lugo dirixido a veciños e veciñas da provincia que teñan 50 anos ou máis”, explicou Pablo Rivera, quen incidiu en que aínda non está aberto o prazo para solicitar prazas, e que a institución provincial informará debidamente no momento en que se poidan presentar as solicitudes.
Remanentes do Plan Deputación en Barreiros
Xa por último, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude que realizou o Concello de Barreiros para investir remanentes do Plan Deputación 2024 noutras actuacións. En concreto, este municipio destinará un total de 17.235€ para realizar unha pavimentación dun camiño no Canteiro, un lugar da parroquia de Benquerencia.