O emprego medrou un 1,0%, cun incremento de 10.267 postos de traballo en relación ao mesmo trimestre de 2023.
A economía galega medrou un 2,5% no segundo trimestre de 2024 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da información da contabilidade trimestral referente a este período, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En canto á evolución intertrimestral, de abril a xuño de 2024 o PIB autonómico aumentou un 0,5%.
Desde o punto de vista da demanda, respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, o consumo público aumentou un 3,0%, e a demanda externa achegou 2,4 puntos porcentuais ao crecemento do PIB, cun aumento das exportacións do 6,0%. No que respecta á oferta, a industria medrou un 4,1%; a construción un 3,0% e os servizos un 2,4%, cun maior incremento no apartado de información e comunicacións (7,9%).
Crecemento do emprego
Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no segundo trimestre un 1,0%, o que supón un incremento de 10.267 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
Por ramas de actividade, o emprego creceu un 1,4% no sector da industria e un 1,2% no sector servizos, mentres que a construción rexistra un aumento do 0,4% e o sector primario unha diminución do 1,1%.