O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases do proceso selectivo, que inclúe promoción interna e provisión por mobilidade.
A Xunta publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo de acceso por promoción interna e de provisión por mobilidade para a categoría de oficial dos corpos de Policía Local de Galicia, con 22 prazas en sete concellos. Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, os aspirantes a promocionar deberán ter unha antigüidade mínima de tres anos continuados na categoría de policía, o mesmo tempo esixido como oficiais aos que optan á mobilidade.
No caso da promoción interna, con 15 vacantes, os concellos ofertantes son Vigo, Santiago de Compostela, Lugo e Carballo. Respecto ao proceso de provisión por mobilidade, convocan un global de sete prazas A Guarda, A Illa de Arousa, Boiro, Lugo e Vigo.
O prazo para inscribirse nesta convocatoria comeza o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.
Na promoción interna o procedemento de selección é concurso-oposición. Deste xeito, a fase de concurso non terá carácter eliminatorio e consistirá na valoración dos méritos alegados e xustificados, segundo o baremo publicado nas bases. No que se refire á fase de oposición contará con tres exercicios: un test de coñecemento de 120 preguntas e un caso práctico relacionado co temario publicado, así como unha proba de coñecementos do idioma galego para as persoas que non estean exentas. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que debe ser tamén superado.
Pola súa banda, a provisión por mobilidade vai destinada a oficiais xa en exercicio que pretenden cambiar de municipio por concurso, de conformidade co baremo de méritos publicado na convocatoria correspondente.
Proceso de selección unitario
A finais de 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota o proceso de maior transparencia e axilidade. A confección de listas únicas facilita tamén a contratación. Ademais de formar as promocións de policía local e auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias, cun amplo plan de formación continua anual.